Seguinte páxina »

O texto do contradecreto

15 marzo 2010

Ao longo do día, foron varios os medios de comunicación que se fixeron eco da filtración do anteproxecto de "Decreto do Plurilingüismo (?)", alias contradecreto ou decretazo. Se aínda non o lestes, podedes accesalo aquí.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Nova vaga de mobilizacións contra o decretazo

14 marzo 2010

Onte foron presentadas as liñas-mestras do contradecreto sobre o galego no ensino, que no esencial veñen confirmar os piores presaxios suscitados polas Bases dadas a coñecer no finciño do ano pasado: redución da presenza do galego en todos os tramos, cunha case segura desaparición da Educación Infantil; consulta vinculante aos pais e nais, a sabendas da súa ilegalidade; acento na hipócrita propaganda a respecto do equilibrio entre galego e castelán, co evidente obxectivo de obstaculizar a oposición social ás medidas contidas no decreto.

As reaccións non se fixeron esperar. Queremos Galego! organizou onte mesmo unha concentración diante de San Caetano, á que acudiron entre 1.000 e 2.000 persoas, e xa convocou unha vaga de mobilizacións mañá luns ás 20h. nas principais cidades e vilas do país. Outros colectivos pola normalización tamén fixeron pública a súa postura: ProLingua emitiu un contundente comunicado de rexeitamento cunha pormenorizada análise crítica do argumentario da Xunta, mentres que Galego Patrimonio publicou unha nota na que asegura que o anteproxecto de decreto parte de premisas falaces e responde á finalidade de diminuír a protección do galego.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

O BNG fará súa a ILP polos dereitos lingüísticos

11 marzo 2010

Foto: GzNación

O portavoz do BNG en temas de lingua, Bieito Lobeira, anunciou que o Grupo Parlamentar do BNG presentará como propia a ILP promovida pola plataforma Queremos Galego!, cuxa admisión a trámite foi rexeitada na Mesa do Parlamento polo PPdeG, coa abstención do PSdeG e a oposición do BNG.

Deste xeito, o texto literal da iniciativa lexislativa popular será obxecto de debate no Parlamento galego, aínda que os seus valedores serán os deputados do BNG e non os representantes da plataforma.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Reacción de Queremos Galego! ao rexeitamento da ILP

9 marzo 2010

A plataforma Queremos Galego! ofreceu hoxe unha conferencia de imprensa na cal mostrou o seu desgusto polo rexeitamento da Iniciativa Lexislativa Popular polos Dereitos Lingüísticos e anunciou novas medidas de presión, que poden incluír tamén a interposición dun recurso de amparo. Podedes ler a noticia completa e a valoración de Carlos Callón na súa web.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

O PPdeG veta a ILP de Queremos Galego

9 marzo 2010

Segundo informa na súa edición de hoxe Xornal, a Mesa do Parlamento galego rexeitou a tramitación da Iniciativa Lexislativa Popular presentada pola plataforma Queremos Galego!, polo que este colectivo se ve privado do dereito de defender a proposta en sede parlamentar. A maioría do PPdeG nese órgao pasou o rolo e evitou así ter que expresar publicamente no Parlamento galego a súa oposición ao cumprimento da lei, pois non máis que iso era o que se solicitaba na iniciativa promovida por Queremos Galego!

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

O mito da imposición

1 marzo 2010

Onte mesmo, Xornal de Galicia publica unha interesante nova denunciando as falsedades do discurso da imposición lingüística. No texto, faise referencia a que existen 500 leis que impoñen o uso do español, feito que o nacionalismo español ten o maior interese en ocultar. Un compañeiro de ProLingua deu con este informe publicado na web onde se relatan unha por unha esas normas: o texto, en catalán, intitúlase "500 normes impositives del castellà a casa nostra", está editado por la Associació per la Llengua e é plenamente actual, xa que todas as disposicións nel recollidas estaban en vigor en decembro de 2009.

Como se di nestes casos, léo e pásao!

ACTUALIZADO. O link ao informe sobre a imposición legal do español estaba equivocado e foi corrixido: podedes acceder a el desde aquí.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Xornadas do CCG sobre a Carta Europea

19 febreiro 2010

O luns e martes da semana próxima celebraranse as Xornadas de Análise sobre a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias organizadas polo Consello da Cultura Galega e coordinadas por Alba Nogueira. Xa está disponible para consulta o material das xornadas, que contarán coa participación de especialistas de universidades galegas, bascas, catalás, españolas e británicas, ben como do propio Consello de Europa.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

ProLingua consolídase como referente

15 febreiro 2010

O pasado día 5 de febreiro, a plataforma ProLingua presentou o libro "55 mentiras sobre a lingua galega". Foi un evento singular tanto pola cualidade e amenidade da obra, pensada para o público xeral e non só para especialistas, como pola súa realización en 69 vilas, cidades e metrópoles de Galiza, Europa, América e Asia.

O eco dos actos, que congregaron un total de máis de 5.000 asistentes e atinxiron unha notable repercusión mediática, axudou a consolidar ProLingua como un dos referentes imprescindibles no ámbito da normalización e da batalla social polo idioma. No seo do BNG, as reaccións tamén teñen sido significativas: só por citar algunhas, tanto Aymerich como Beiras (membro de ProLingua) ou Carme Adán parabenizaron publicamente a ProLingua por esta magnífica iniciativa.

Animamos a ler as crónicas de Xornal de Galicia e do blog de Manuel Bragado, e sobre todo a ler o libro, que xa é un dos máis vendidos no país, feito incomún nun libro de sociolingüística.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

“55 mentiras” terá presentación online

5 febreiro 2010

O lanzamento do libro "55 mentiras sobre a lingua galega" acontecerá en 69 localidades do país e do mundo simultaneamente, hoxe ás 20:30h. E se alguén non pode asistir persoalmente, sempre fica a opción de ver a retransmisión ao vivo que será realizada online. E para ir abrindo boca, podedes ler a presentación que resume 20 das falacias máis habitualmente utilizadas contra o galego.

O día 18 de outubro enchemos as rúas de Santiago convocados por Queremos Galego! Hoxe temos que encher os espazos cívicos do país (consulta aquí a listaxe completa) coa nosa presenza apoiando esta extraordinaria iniciativa de ProLingua.E quen non poida estar en persoa, abonda con facer clic na imaxe que ilustra este post para ver en directo a presentación que será realizada en Vigo a partir das 20:30h.

Por certo, o libro xa está á venda e é magnífico.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

ProLingua presenta “55 mentiras sobre a lingua galega”

4 febreiro 2010

O colectivo ProLingua, constituído no pasado mes de outubro, realizará mañán o lanzamento do libro "55 mentiras sobre a lingua galega". Non se trata dun evento editorial máis, por dúas importantes razóns: porque o libro está pensado como un manual de combate dialéctico fronte ás mentiras difundidas polos inimigos do galego; e porque a presentación do libro será realizada simultaneamente en 69 vilas e cidades de Galiza, de Europa e do mundo. Podedes consultar aquí a listaxe completa das localidades e os respectivos lugares onde se celebrarán, ás 20:30h. de mañán, os actos de presentación desta publicación que en breve deberá converterse nunha referencia.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Xornadas sobre a Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias

29 xaneiro 2010

O Consello da Cultura Galega organiza, os próximos días 22 e 23 de febreiro, unhas xornadas de análise sobre o contido e as implicacións xurídicas da Carta Europea das Lingua Rexionais ou Minoritarias. O evento contará cunha nutrida representación de especialistas en dereito e sociolingüística a nivel galego, estatal e europeo, e será coordinado por Alba Nogueira. Este é o programa completo; e este, o formulario de inscrición,

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Parabéns á RAG

20 xaneiro 2010

logorag

Despois do demoledor informe da RAG sobre o borrador de contradecreto de Feijoo, nós xa enviamos a nosa mensaxe de parabéns e de agradecemento a esa institución. Do mesmo xeito que propuxemos no comezo do proceso, convidámosvos agora a que, se o desexades, entredes en contacto co Presidente e/ou co Secretario da Academia para facerlle(s) chegar as vosas consideracións.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Liñas e horarios de autobuses para a folga de mañán

20 xaneiro 2010

banner_queremosgalego

Tedes a lista completa de buses gratuitos na web de Queremos Galego! Reparade en que nalgúns casos é necesario contactar telefonicamente ou por e-mail para inscribirse. E por certo, unha boa noticia: a estas alturas, xa hai máis autobuses e máis xente confirmada que o pasado 18-O. Debemos ser moi prudentes nas expectativas, para non crear desilusión, pero sexa cal sexa o número exacto de afluíntes, é seguro que a mobilización será un éxito. E ese convencemento temos que transmitilo, xunto coa nosa argumentación, en cada canto do país. Nas próximas semanas, podemos estar a xogarnos décadas; por iso, ánimo e adiante!

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

E a Real Academia Galega falou ben falado

18 xaneiro 2010

Dedo gordo

Podedes accesar aquí o documento íntegro da análise que sobre o as Bases do Decreto de plurilingüismo ven de presentar a Real Academia Galega.

Parabenicemos á Real Academia Galega por ter sido non só concluínte, mais tamén contundente: a análise non deixa títere con cabeza.

Convidámosvos a lela!

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Conversa de bar

18 xaneiro 2010

conversa-de-bar

Argumentario lingüístico para bares e tascas, feiras e mercados, patios escolares e xantares en familia...

  1. Feijoo prometeu levar ás clases a "cordialidade lingüística das rúas". En vez diso, o que fai é colocar pais contra pais, semear a división nos claustros, nos consellos escolares e até mesmo nas familias.
  2. Feijoo na campaña prometeu o que non pensaba cumprir, e agora que goberna impón por decreto o que sabe que non vai pode facer. Cun fracaso escolar do 40% e sen profesores formados, o do inglés é unha coña.
  3. Isto non é libertade, isto é a ditadura da maioría. Só se lle dá dereito á maioría, pero os dereitos ou son de todos ou non se poden chamar dereitos. Se eu quero -poñamos por caso- que o meu fillo estude en español e a maioría quere galego, a min non se me garante o meu dereito e aos outros si.
  4. Feijoo di que só ten a oposición dos extremistas: os de Galicia Bilingüe dun lado e os do Bloque do outro. Pero é que neste a xente do BNG, da CIG e da Mesa ten o apoio da Real Academia Galega, do PSOE, de UGT, de CCOO, dos rectores das tres Universidades, dos especialistas en pedagoxía, dos escritores... E eses de radicais non teñen nada. Pero se até moitos do PP se opoñen, ho! Mira se non o fillo do Cuíña ou o fillo do Baltar, que son do partido de toda a vida e están que trinan.
  5. O de que os pais escollan parece unha cousa boa, pero se se pensa ben, non ten xeito. Primeiro de todo, porque a educación pagámola todos e non só os que teñen fillos na escola. E se eu son empresario ou comerciante ou traballador e non teño fillos na escola, tamén me interesa que os alumnos saian ben formados para o emprego, e estoulles pagando os estudos cos meus impostos.
    Ademais, como a votación vai ser cada 4 anos, moitos pais aínda que voten non van poder escoller a lingua na que lle ensinan aos fillos; os que xa estexan en 4º da ESO, por exemplo, votan pero a eles xa non lles vai afectar. E se os dous pais pensan de xeito diferente ou están separados, cal é a opinión que vale? E se na casa falan as dúas linguas cos cativos, o que van responder agora que a Xunta obriga a escoller só unha para as clases do neno?
    E seica os pais tamén van elexir se os rapaces teñen que aprender ecuacións ou non? O que eu che diga, iso de poñer os pais a gobernar as escolas é de chiste.
  6. Feijoo non é un gobernante serio: unha persoa responsable non fai as cousas deste xeito; e ademais se é Presidente de Galicia, daquela ten que defender o noso, que carallo! Se quere quedar ben en Madrid, que se presente ás eleccións alí. Nestas cousas non se pode cambiar todo da noite para o día cando tes 38 deputados contra 37. Aínda máis, que o bipartito cando fixo o decreto o negociou con todo o mundo antes de presentalo, pero estes fixérono todo ás agachadas. E claro, despois teñen a todo o mundo en contra, así que o mellor que poden facer é recuar e empezar de novo, pero facendo as cousas ben e falando con todo o mundo.
Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Amores que matan (2)

18 xaneiro 2010

Hai cousas que se comentan soas. E a crónica que publica A Nosa Terra é ben máis light que as versións dalgúns militantes do BNG presentes no acto. Asustando a xente, non imos a lugar ningún. Estragando un acto que fora un suplicio para Jesús Vázquez, sometido polo vicerrector vigués Iván Area a un baño dialéctico, tampouco.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

URXENTE! Feijoomente desvela o vínculo entre a FAES e Galicia Bilingüe

16 xaneiro 2010

Léo, compárteo, pásao! Que todo o mundo o saiba.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

ProLingua leva a defensa do galego a medio mundo

14 xaneiro 2010

logo-prolingua

A asociación ProLingua está a promover, xunto coa editorial Laiovento, a publicación dun libro cuxo título provisional é "55 mentiras sobre a lingua galega". A presentación do libro será realizada o próximo día 5 de febreiro e terá unha característica moi especial: o libro será presentado ao mesmo tempo (rigorosamente, ou sexa mesmo día e mesma hora GMT) nas principais cidades galegas, en numerosas vilas do país, en diversas cidades españolas e nun importante número de cidades all around the world. E é que aos galegos, por máis que catro gatos se empeñen en afirmar o contrario, non hai quen nos gañe en cosmopolitismo e plurilingüismo. Grazas á rede de membros ProLingua, xa está confirmado que medio mundo coñecerá a situación do galego e a irresponsabilidade dun goberno falaz; e aínda hai tempo para levar os actos ao outro medio...

Entre as cidades que albergarán actos de presentación desta primeira publicación de ProLingua, encóntranse Lisboa, Londres, París, Nova York, Bruxelas, Tel Aviv, Cork, Buenos Aires, Copenhagen... Aqueles que poidades colaborar para estender a iniciativa a outros lugares, entrade en contacto neste e-mail ou nestoutro.

P.S. Falando da internacionalización do debate sobre a situación do galego, paga a pena ler o artigo que publica hoxe o xornal bracarense Correio do Minho, intitulado "Somos todos galegos no dia 21?".

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

O BNG pédelle a Feijoo que retire o rascuño de “contradecreto”

14 xaneiro 2010

Tardou, pero foi contundente: Guillerme Vázquez falou sobre o "contradecreto" lingüístico proposto pola Xunta de Galiza, e fíxoo para solicitar, en nome do BNG, a retirada do texto como única posibilidade para reabrir a trilla do consenso. Podedes ler máis na web do BNG.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Comunicado íntegro de “Queremos Galego!”

14 xaneiro 2010

21 DE XANEIRO:
PAREMOS O DECRETAZO CONTRA O GALEGO

A plataforma Queremos Galego convoca as comunidades educativas para un paro xeral no ensino o 21 de xaneiro, como contestación ao decretazo contra o galego.

A agresión é histórica, sen dúbidas a máis forte contra o idioma propio en toda a etapa democrática. Por iso é tan importante que nos impliquemos todas as persoas con sensibilidade pola nosa cultura, independentemente da lingua que falemos no día a día, para facermos do 21 de xaneiro unha data tamén histórica na contestación social.

Por que rexeitamos este decretazo?

1) Porque non garante que os estudantes finalicen cada etapa educativa coas destrezas lingüísticas tamén en galego.
Todos os informes oficiais sinalan que hai un problema para conseguir que boa parte dos rapaces e das rapazas, sobre todo nas zonas urbanas, teñan fluidez comunicativa en galego. Diminuír a presenza da nosa lingua non fará máis que agravar a situación, vulnerando o dereito do alumnado a unha educación de calidade e pondo en perigo a pervivencia da nosa cultura.

2) Porque é unha proposta feita de costas á sociedade galega.
O presidente da Xunta sabe que non conta con ningún consenso do profesorado, o estudantado, as familias e da sociedade en xeral para este decretazo. Por iso o presentou na véspera de fin de ano, a última hora do serán, e sen que existise ningún proceso previo de diálogo nin contraste.

3) Porque a aplicación deste decreto suporá enfrontamentos nos centros.
A Xunta fai deixadez das súas funcións e traslada o problema ao profesorado, ao estudantado e ás familias, que serán parcialmente consultadas (ben tendo en conta só o criterio da maioría, sen que se saiba que pasará coa minoría que se sinta perdedora; ben dando unha opinión cada catro anos, o que significa que uns pais darán a súa consideración sobre a educación das fillas e dos fillos doutros). A política lingüística e educativa non se pode limitar á opinión que poida ter a comunidade escolar, porque nos corresponde a todas as galegas e a todos os galegos. Hai que ter presentes criterios pedagóxicos e o dereito a unha educación en igualdade.

4) Porque a Xunta se burla da cidadanía cando di que se vai impartir un terzo das materias en inglés, cando sabe que iso é totalmente inviábel, e sen se preocupar do fracaso escolar.
O presidente da Xunta mente conscientemente cando fala de “plurilingüismo”, pois sabe que iso é imposíbel de aplicar. Só utiliza o inglés para camuflar  propagandisticamente o ataque contra o galego. Na verdade, os departamento de inglés non teñen un reforzo real para mellorar a aprendizaxe desta lingua e mesmo se recortan os recursos para a formación do profesorado e se reduce o número de profesores/as das escolas oficiais de idiomas. O reforzo e mellora do ensino de inglés no sistema educativo galego debe facerse con máis profesorado específico, con máis recursos e con grupos máis reducidos.

5) Porque este decreto vulnera leis básicas aprobadas por consenso e tratados internacionais de dereitos lingüísticos.
O decreto que o Goberno galego quere impor unilateralmente vulnera a letra e o espírito da Lei de normalización lingüística (arts. 12 e 13), así como da Carta europea de linguas rexionais ou minoritarias (art. 8). Un goberno serio, cívico e responsábel cumpre as leis e os tratados internacionais de dereitos humanos e de dereitos lingüísticos.

6) Porque é unha agresión á dignidade da nosa cultura que haxa un goberno da Xunta que ande ás patadas coa lingua propia do noso país.
Temos que erguer a nosa voz con claridade e exclamar que, independentemente do idioma que falemos no noso día a día, os galegos e as galegas amamos a nosa lingua propia e queremos que non haxa políticas para discriminala, senón ao contrario: que se promova nos diferentes ámbitos, garantindo a igualdade de dereitos.

Fronte á imposición unilateral de Alberto Núñez Feijóo, as comunidades educativas e o conxunto da sociedade galega reclamamos que se escoite a nosa voz. O presidente da Xunta debería lembrar que o decreto aínda en vigor contou co respaldo dos sindicatos que representan ao 90% do profesorado, a inmensa maioría das ANPAs, todas as organizacións estudantís e todos os movementos de renovación pedagóxica con actuación en Galiza. O  seu decreto contra o galego, ao contrario, non xera máis que rexeitamento e preocupación.

O 21 DE XANEIRO PARAMOS O ENSINO
EN DEFENSA DA CONVIVENCIA E DO GALEGO

MANIFESTACIÓN NACIONAL EN SANTIAGO DE COMPOSTELA
11.30 DA MAÑÁ NA ALAMEDA

HABERÁ AUTOBUSES DESDE DIFERENTES PUNTOS DO PAÍS
Infórmate en
queremosgalego.org

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Seguinte páxina »