Seguinte páxina »

O texto do contradecreto

15 marzo 2010

Ao longo do día, foron varios os medios de comunicación que se fixeron eco da filtración do anteproxecto de "Decreto do Plurilingüismo (?)", alias contradecreto ou decretazo. Se aínda non o lestes, podedes accesalo aquí.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

E xa se foi un ano…

1 marzo 2010

Hoxe hai un ano da derrota electoral do bipartito PSdeG-BNG que gobernou a Xunta entre 2005 e 2009.

Por se alguén non o ten claro, este é o inimigo político nº 1 do nacionalismo e da esquerda en Galiza:

Facendo clic na imaxe asistirides á 1ª parte da entrevista a Feijoo
no canal de televisión Intereconomía: lingua, caixas, discriminación
do PSOE contra Galiza, modelo educativo... e moita soberba!

Por certo, algún día faremos autocrítica da nosa acción de goberno? Ou preferimos non aprender?

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

O BNG, fora de xogo nas caixas

20 febreiro 2010

Fonte orixinal da ilustración, un de cuxos protagonistas representa a posición do BNG.

O futuro das caixas galegas está entrando na fase final do xogo. O BNG, que conseguiu ser protagonista do proceso coa reforma da Lei de caixas e coa aposta pública pola fusión entre Caixa Galicia e Caixanova, encóntrase en fora-de-xogo nesta recta final: por un lado, non posúe unha capacidade de influencia determinante dentro das entidades; por outra, asiste como simple espectador á negociación entre a Xunta e o Goberno español.

Así, mentres o PP e o PSOE negocian o marco no que se decidirá o futuro das caixas galegas, o BNG non ten máis recurso que as proclamas públicas. É o prezo que se paga por non ter esixido garantías a Feijoo cando o apoio do BNG lle era necesario, ou sexa antes de pactar con el, como reiteradamente foi exposto neste blog.

A actitude do PPdeG ao negociar co Goberno español parece desactivar calquera posibilidade dunha mobilización social conxunta PPdeG/BNG, unha das vazas que lle restaba á nosa organización para tentar obter rédito político nesta cuestión. Ao mesmo tempo, o feito de que a Xunta propoña modificacións no texto aprobado conxuntamente polo PPdeG e o BNG, sen facerllo constar ao socio nacionalista, volta deixar o BNG arrinconado no panorama político galego. E é previsible que nas próximas semanas sexa aprobada a versión final do decreto do galego, na que se prevén mudanzas o suficientemente significativas como para promover un lavado de cara da galegofobia imperante na Xunta, dándolle máis munición a Feijoo para deixar o BNG escorado nun extremo do arco político e semeando dúbidas sobre a reacción do PSdeG.

Todos os factores obxectivos apuntan que o romance entre o PPdeG e o BNG está a piques de rematar. Diante desa tesitura, mentres Aymerich segue reclamando a presentación do recurso da Xunta contra o FROB como elemento central na negociación co Estado español, Guillerme non pasa de solicitar que a Xunta non acepte modificacións que impidan a fusión, avalando dese xeito a actitude de Feijoo.

Algúns seguimos sen entender a actuación dunha parte do BNG neste asunto, pola súa aparente submisión incondicional ao PPdeG. E á vista das explicacións que se nos ocorren, preferimos seguir sen entender.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

O TC español acepta o recurso contra a Lei de Caixas

18 febreiro 2010

O Tribunal Constitucional español aceptou o recurso do Goberno central do Estado contra a Lei de caixas galega. Con isto, a norma impulsada polo BNG e aprobada polo Parlamento galego fica en suspenso e sen efectividade até que o recurso sexa resolto.

En caso de que o recurso non sexa retirado, iso significa que o futuro das caixas galegas deberá decidirse no marco normativo vixente até agora, xa que tanto Caixa Galicia como Caixanova manifestaron a súa intención de solicitar fondos ao FROB, cuxa validez caduca o próximo 30 de xuño.

Ou Feijoo presenta un recurso contra o FROB para xogar de igual a igual frente ao Goberno español, ou o BNG debería retirarlle inmediatamente o seu apoio neste asunto. E, sen discusión, toca pasarse á oposición -belixerante e non só nominal- no Parlamento español.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Caixas de aforro: balanzo provisional e panorama

7 febreiro 2010

Disque destes tres, só un chega -e raspadiño- ao Q.I. 100 aplicado á política

Dada a complexidade do asunto, faremos unha breve recapitulación que permita extraír conclusións, indo do xeral ao particular.

I. Unha operación deseñada nas entrañas do Estado español
En 2008, a eclosión da crise financeira do capitalismo global atinxe en cheo o Estado español, proporcionando a oportunidade perfecta para remodelar o sistema financeiro español. Despois de repetidas chamadas ao neokeynesianismo, á economía verde e mesmo á interrupción momentánea da economía de mercado, os magnates das finanzas fanse co control da situación diante dunha esquerda social inerme e atenazada polo medo ao desemprego, e dunha socialdemocracia claudicante e desorientada. O redeseño do mapa de caixas non é máis que a segunda fase dunha operación de concentración do grande capital financeiro.

A primeira fase consistiu na concesión de 130.000 millóns de euros de diñeiro público para dotar de liquidez a banca privada. Meses despois, a presentación das contas de resultados dos bancos españois demonstra que son os máis saneados do mundo, polo que a inxección de liquidez será destinada a outros fins ben diferenets dos proclamados polo PSOE e o PP cando da aprobación do macrocrédito. Hai que sinalar que tanto o BNG como IU se opuxeron a esa medida, se ben que timidamente e debido ao rexeitamento da súa pretensión de que o Estado fiscalizase o uso do diñeiro público concedido á banca.

Unha das finalidades desa inxección de diñeiro na grande e mediana banca privada consiste en fortalecer a súa situación a respecto das caixas de aforro, provocando deste xeito dúas consecuencias: (i) a implantación do modelo de bancarización das caixas como patrón de eficiencia; e (ii) a adquisición -no curto/medio prazo- de parte das caixas polos bancos, nunha operación financiada polo propio Estado.

Isto explica que o acceso das caixas aos recursos do FROB sexa posterior á concesión de liquidez aos bancos e estexa suxeita a unhas condicións draconianas que non lles foron impostas a aqueles. A pesar do desigual trato, as caixas vense obrigadas a participar na operación: unhas, porque os recursos do FROB son a única garantía de solvencia (caso de Caixa Galicia e Cajamadrid, entre moitas outras); outras, porque os intereses políticos se alían cos das cúpulas directivas das entidades; e as demais, porque a nova regulamentación lles impede seguir en solitario ao esixir un mínimo de activos moi superior ao que posúen (caso de Caixanova e das pequenas caixas catalás).

Obviamente, o fondo desta operación implica necesariamente a desterritorialización das caixas, excepto cando os intereses políticos recomenden o contrario. Daí que o Banco de España invada as competencias autonómicas para colocarse nunha situación de forza total, ao monopolizar tanto os recursos financeiros como a capacidade decisoria. E daí, tamén, que o Goberno español recorra a Lei de caixas aprobada polo Parlamento galego.

O novo mapa de caixas está trazado desde hai un ano:

II. A reacción dos poderes galegos
Diante deste panorama, a Xunta podía facer dúas cousas: plantar batalla en defensa dos intereses do país ou facerse a un lado para non entorpecer os plans acordados polo PSOE e o PP a nivel estatal. Feijoo debía enfrontarse a un conflito de intereses: ou xogar a vaza dunha fusión galega que afianzase o seu poder en Galiza, ou ter unha cota de poder no grande entramado financeiro da dereita española creado ao redor de Cajamadrid.

A opción de Feijoo foi desde o inicio pola segunda alternativa, o cal chegou a custarlle a renuncia da Conselleira de Facenda, non aceptada polo Presidente da Xunta; e podería terlle custado máis caro, dentro do PPdeG, se non tivese encontrado a tempo unha solución.

Pola súa parte, o lobby coruñés (Santiago Rey, Méndez, Jove, Castellano, Vázquez) comezou a impacientarse severamente perante a inacción de Feijoo, esixíndolle que liderase unha operación de fusión galega que salvase os mobles da caixa do norte, fortemente comprometida na súa solvencia e incapaz de garantir a súa sobrevivencia máis alá de 2011. Despois de semanas de acoso, finalmente Feijoo tivo que decantarse, e fíxoo aparentemente a favor da opción imposta polo lobby coruñés. Dicimos aparentemente, porque no fondo Feijoo o que fixo foi apostar por si mesmo ao articular unha estratexia para un fracaso calculado da fusión galega, como xa deixou patente o blog Feijoomente o pasado 10 de agosto e repetiu o 19 de novembro.

Mentres tanto, a caixa do sur ía ao seu. Primeiro tentou comprar CCM, pero CajAstur gañoulle a man, polo que Gayoso comezou a prospección de novos escenarios. Consciente da súa fortaleza relativa, Gayoso non dubidou en utilizar as súas armas, tanto as técnicas (unha solvencia moi superior á de Caixa Galicia, unha menor exposición aos activos tóxicos do mercado inmobiliario e unha catalogación A -esixida polo Banco de España para calquera operación de fusión- da cal carece a veciña do norte) como as políticas (incapacidade da Xunta para forzar a fusión, apoio do Banco de España ás fusións interrexionais e interese do PSOE en integrala nunha caixa con capacidade de operar en todo o Estado español). Polo tanto, é practicamente seguro que Caixanova terá como destino a integración no SIP realizado a maior gloria do PSOE, faltando ver cales son os seus socios e, consecuentemente, cal o seu peso relativo na entidade resultante -e si, falamos de entidade resultante porque os SIPs, na práctica, non son reversibles e resolveranse máis cedo que tarde nunha fusión en toda a regra, cando non na venda á banca privada.

O PSdeG, pola súa parte, demonstrou unha vez máis a súa absoluta falta de proxecto para o país: un líder cuxa única estratexia era a dilación como mecanismo de desgaste de Feijoo, mais que se viu incapaz de reaccionar cando o xogo mudou e desde entón se limita a ir-e-vir ao albur das ordes chegadas de Madrid; uns alcaldes miopes que fan a guerra pola súa conta sen máis horizonte que as eleccións locais do próximo ano; un partido que entrega nas mans de Feijoo o papel de defensor dos intereses xerais do país e se reclúe no localismo que xa no pasado o levou ao desastre; un sucursalismo tanto máis patético canto que se produce sen dereito a recompensa e en favor dun Goberno en pleno declive... Paradoxalmente, tantos e tan groseiros erros poden acabar rendéndolle ao PSdeG algúns beneficios en termos electorais, debido á disciplinada parálise do PPdeG e do BNG tanto na Coruña como en Vigo; mais é certo que, a longo prazo, seguir ese camiño é ir directamente ao matadeiro polo propio pé.

III. O papel da UPG e do BNG
Pouco despois das pasadas Eleccións Galegas, e unha vez constatadas as nefastas consecuencias da política de relacións cos medios desenvolvida por Quintana, a UPG decidiu aliarse con LVG, contubernio que se consolidou e alcanzou a súa máxima expresión na reunión secreta entre Guillerme e Santiago Rey e na posterior presenza do Portavoz Nacional do BNG na homenaxe a Francisco Vázquez promovida polo editor coruñés. Foi ese o punto-de-xiro desta historia: Santiago Rey impoñíalle a Feijoo a estratexia a seguir, que pasaba pola absorción de facto de Caixanova por Caixa Galicia, co apoio entusiasta da UPG e -mutatis mutandis- do BNG.

D
urante os últimos meses do ano pasado, a UPG tirou un bo rédito desa estratexia: tomou a iniciativa coa proposta de reforma da Lei de caixas autonómica, obrigou o PSdeG a sumarse, gañou presenza mediática coa aparición de Guillerme nas dúas fotos con que as tres forzas políticas do Parlamento galego escenificaron un acordo de país e desactivou calquera tentativa de oposición aos seus plans no interior do BNG, afirmando deste xeito a súa condición de motor do BNG.

Mais despois do 30 de decembro, as cousas retornaron á detestable e costumeira normalidade: a partida voltou xogarse en Madrid, e en Galiza os únicos actores que aparecían en pantalla eran Feijoo e as propias caixas de aforro. O BNG desaparecera da primeira plana. Só nos últimos días, grazas ao recurso de inconstitucionalidade presentado polo Goberno español contra a Lei galega de caixas, o BNG conseguiu retomar a iniciativa, presentando un manifesto que sería asinado polo PPdeG e polos tres sindicatos maioritarios.

Á altura de agosto, a UPG xa decidira o apoio á fusión galega. Os meses seguintes serviron como dramatización ritual: en setembro, o Consello Nacional do BNG aprobaba a aposta pola galeguidade das caixas, sen falar abertamente de fusión; despois, a CIG basculou cara á defensa a ultranza da fusión; a seguir, aprobouse con carácter de urxencia a reforma da Lei de caixas como instrumento para forzar o relevo das cúpulas das caixas e, con iso, aplainar o camiño da fusión; máis tarde, a divulgación do resultado da due diligence elaborada pola consultora KPMG deu a escusa perfecta para o BNG proclamar a necesidade da fusión; e por último, o recurso do Goberno español propicia o aliñamento do BNG coa teoría da aldraxe confeccionada por LVG.

Vale a pena deterse nas mensaxes difundidas pola UPG neste período, todas elas falsas en maior ou menor medida, como se demonstra nos respectivos comentarios:

  1. O BNG, con 12 deputados, marcaba a axenda política do país.
    Hai que ter moita fe no poder demiúrxico do partido-guía para crer en tamaña insanidade. A estratexia impulsada pola UPG foi acertada no seu deseño, mais pesimamente executada e malograda debido á precipitación. Mais mesmo que a estratexia e a súa execución fosen impecables, o obxectivo sería igualmente inatinxible. Como nacionalistas, o que debémos reivindicar desde o comezo é a capacidade para decidir aquí o futuro do noso propio aforro, sen interferencias de Madrid.
  2. Grazas ao BNG, Feijoo tivo que comportarse como un auténtico Presidente galego e non como un simple títere dos poderes do Estado.
    Feijoo non vai de comparsa do BNG neste asunto. Polo contrario: a axuda do BNG veu no momento máis oportuno para Feijoo, asediado polo lobby coruñés e cunha crise de goberno aberta no seu gabinete. Grazas ao BNG, Feijoo colocouse nunha posición gañadora tanto se hai fusión como se non, superando o conflito de intereses relatado no comezo deste post.
    As escenas de matrimonio protagonizadas polo BNG e o PPdeG terán consecuencias, sendo unha das principais a desarticulación dunha entente opositora capaz de facer fronte á hexemonía electoral da dereita en 2013. É ben verdade que boa parte desta responsabilidade é do PSdeG, mais non é menos certo que o apoio do BNG a Feijoo debería ter sido -en caso de producirse- moito máis esixente e non, como ocorreu, ofrecido gratuitamente.
  3. A fusión sairía adiante grazas ao empeño do BNG, que recollía as aspiracións da sociedade galega.
    É case seguro que a fusión non sairá adiante. Por moitos e moi contundentes motivos: (i) porque os grandes poderes do Estado español teñen outros plans para as nosas caixas; (ii) porque unha das nosas caixas non desexa a fusión; (iii) porque a outra non pode esperar; (iv) porque a Xunta pode vetar fusións, aínda que non está claro se ese poder se estende aos SIPs, pero non pode impoñelas; (v) porque a decisión última depende do Banco de España, que non ten pudor en ningunear a Feijoo; (vi) porque a UE decidiu que o FROB só sexa válido até o 30 de xuño, e antes desa data non estará resolto o recurso presentado polo Goberno español... e poderíamos seguir con algúns máis.
  4. A Lei de caixas é a garantía para a fusión das caixas galegas e para a súa redefinición.
    A Lei de caixas aprobada a instancias do BNG é un considerable paso adiante en materia normativa, pero non ten incidencia directa sobre a fusión. Un mínimo negociador para aprobar conxuntamente co PPdeG a Lei de caixas -ou mesmo antes, para saír na foto con Feijoo- debería ter sido esixirlle á Xunta a presentación dun recurso de inconstitucionalidade contra o FROB. Iso provocaría un caos xeneralizado e obrigaría o Goberno español a negociar cunha Xunta en posición de forza, ao tempo que representaría a proba de que a aposta de Feijoo pola fusión é real e non unha operación de autoimaxe. Porén, como repetidamente recoñeceu Paco Rodríguez nos seus artigos en GZ Nación, o apoio ao PPdeG foi outorgado sen ningún tipo de garantías.
  5. A 'due diligence' de KPMG proba que só a fusión garante a viabilidade das caixas galegas.
    O estudo de KPMG non mostra máis que o que lle foi encargado mostrar. Nin sequera se consideraron todas as posibilidades, senón que se limitou o campo de estudo á análise da viabilidade da entidade resultante da fusión entre Caixa Galicia e Caixanova, concluíndose que sería viable, solvente e xeradora de beneficios.
    Sorprende a fe cega dun partido marxista no ditame dunha consultora financeira. Sorprende que só 15 minutos despois de coñecido o diagnóstico resultante do estudo de KPMG, Fernando Blanco dese unha conferencia de imprensa argumentando que, desde ese mesmo momento, a fusión era o único camiño. Sorprende aínda máis que se esquecese de denunciar o conflito de intereses de KPMG, que participa na administración concursal de Martinsa Fadesa e simultaneamente axuda decisivamente a definir o futuro de dúas entidades financeiras cuxo maior credor -con moita diferenza- é esa construtora; sobre todo, porque Fernando Blanco si se lembrou de denunciar ese conflito de intereses a respecto do escritorio de avogacía que asesorou a Xunta na elaboración da nova regulamentación de concesións eólicas.
  6. Calquera oposición á fusión é un atentado contra os intereses obxectivos do país e só pode responder a intereses espúrios ou a unha alarmante falta de clarificación ideolóxica.
    Isto inclúe a Xavier Vence, a Beiras e a Quintana. Vence defende -e el sábeo- unha opción tan desexable como imposible, cal é a da manutención das dúas caixas autonomamente, e faino cunha argumentación teórica sólida, mais carente de efectividade política. Beiras esixe unha redefinición do modelo de caixas e da súa inserción no tecido produtivo por riba do debate sobre a fusión, postura que fixo propia +BNG e que Aymerich repetiu sen cesar nos seus artigos n' A Nosa Terra. E Quintana defende a postura de Caixanova, non só porque posúa elementos obxectivos para facelo, senón tamén porque esa entidade é o mecenas do IGEA.
    Vence segue un camiño propio, facéndose forte como voz crítica e independente, polo que dificilmente se lle pode esixir lealdade a unha estratexia en cuxo deseño non participou. Moito menos se lle pode impoñer a Beiras, que non se saiu nin un milímetro das liñas-mestras aprobadas polo Consello Nacional do BNG; ou a Quintana, cuxa defenestración lle dá unha marxe de liberdade ilimitada (suicida, pero ilimitada) e que só falou por persoa interposta.

En resumo: a UPG deseñou a estratexia do conxunto do BNG, mais foi ela quen asinou as alianzas e quen tira proveito delas en exclusiva; ao tempo, pon en práctica as consabidas tácticas de venda de mercadoría patriótica de contrabando á militancia, anatemiza os disidentes e obriga +BNG a acabar aliñándose na práctica -o que ocorre despois da aprobación da Lei de caixas- coa política trazada por Paco Rodríguez.

En todo isto, hai algúns puntos escuros que aínda ninguén lle aclarou á militancia. Que datos técnicos posúen a UPG e/ou o BNG sobre a situación das caixas? Desexaríamos que a resposta non se circunscriba ás carpetas que Marta Currás lle mostrou a Guillerme durante 10 minutos na reunión Feijoo-Pachi-Guillerme en Monte Pío. Actúa a UPG por puro ideoloxismo ou defende intereses non confesados? Nós pensamos que a UPG tomou as súas decisións por ideoloxismo e as puxo en práctica coa torpeza xa consuetudinaria no partido, pero gustaríanos ter certeza de que non hai elementos de presión nas mans de Feijoo ou de Méndez para empurrar a UPG nesa dirección. Fala en serio Paco Rodríguez cando di que até Mariano Rajoy entrou na táctica do BNG? Se alguén aínda non percibiu que esa é a confirmación de que non haberá fusión, de que non periga a absorción de Caixa Galicia por Cajamadrid e de que agora do que se trata é de transferirlle os custos ao PSOE, daquela non merece ser líder nin dunha asociación de veciños.

IV. Conclusións
A primeira e triste conclusión é que no BNG, quen sabe de economía non decide; e quen decide, nin sabe nin escoita. A segunda é que lle fixemos o caldo gordo a Feijoo en troca de nada, en vez de esixirlle como condición sine qua non a presentación dun recurso de inconstitucionalidade contra o FROB. A terceira é que a UPG segue tratando o conxunto da militancia do BNG como un rebaño de borregos ao cal se lle pode convencer de calquera cousa, por máis improbable ou mesmo insensata que sexa. A cuarta, que ninguén fixo as contas sobre as consecuencias estratéxicas de ir de ganchete con Feijoo neste asunto. A quinta, que á hora da verdade, +BNG acabou cedendo nas súas esixencias e pregándose aos pactos previamente subscritos pola UPG.

A sexta e última é que Deus escribe recto por liñas tortas. O que neste caso concreto se traduce en que, grazas á inestimable e xa tradicional inepcia do PSdeG, o BNG aínda está en condicións de sacar tallada. Como? Ofrecendo ao PPdeG a consumación do matrimonio, cunha grande mobilización social a favor da fusión (o soño de Paco Rodríguez desde este verán) convocada conxuntamente polas mesmas entidades que recentemente asinaron o manifesto "Galicia ten dereito".

No curto prazo, a pinza co PPdeG contribúe a afirmar o BNG como unha forza central do peculiar sistema de partidos galego, resgatándoo da marxinalidade á que querían condenalo o PPdeG e o PSdeG nos primeiros meses da lexislatura. Ademais, o isolamento do PSdeG abre unha espita pola que o BNG pode recoller algúns apoios. No medio e longo prazo, iso non se traducirá nunha redefinición da política de alianzas a nivel municipal, o que nos neutralizará novamente como forza con vontade hexemónica, reducíndonos á condición de muleta do PSdeG; e ao mesmo tempo, supón un espaldarazo gratuito a Feijoo, coa intención de recrear -en versión máis modesta- o ciclo virtuoso dos anos '90, i.e. un BNG confortablemente instalado na oposición e con marxe para crecer grazas á inestabilidade do PSdeG.

Apéndice: a posición deste blog
Os redactores deste blog concordamos punto por punto coas posicións mostradas publicamente por Beiras e Aymerich. Ou sexa: fusión si, pero non calquera fusión; apoiamos -politicamente, xa que na práctica non depende do BNG- unha fusión, non a fusión. Si a unha nova caixa galega, ao servizo da economía produtiva e non da especulación, con investimentos centrados no país e non fora del, con órgaos de xestión renovados e democratizados. Si ao recurso contra o FROB -que aínda non se produciu- e á reforma da Lei de caixas. Si a facerlle pagar ao PSdeG e ao PSOE a súa traizón a este país. Non a unha fusión para salvarlle a cadeira a Méndez, que controla a Castellano, que xuntos financian LVG, que lle marca a axenda a Feijoo. Non a un apoio incondicional a Feijoo, a reunións secretas con Santiago Rey e a participar en homenaxes a Paco Vázquez. Non á defensa de intereses particulares, sexan estes da UPG ou do IGEA. E para acabar cunha das notas positivas, si á coherencia á hora de defender a mesma postura en todo o país.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Conversa de bar

18 xaneiro 2010

conversa-de-bar

Argumentario lingüístico para bares e tascas, feiras e mercados, patios escolares e xantares en familia...

  1. Feijoo prometeu levar ás clases a "cordialidade lingüística das rúas". En vez diso, o que fai é colocar pais contra pais, semear a división nos claustros, nos consellos escolares e até mesmo nas familias.
  2. Feijoo na campaña prometeu o que non pensaba cumprir, e agora que goberna impón por decreto o que sabe que non vai pode facer. Cun fracaso escolar do 40% e sen profesores formados, o do inglés é unha coña.
  3. Isto non é libertade, isto é a ditadura da maioría. Só se lle dá dereito á maioría, pero os dereitos ou son de todos ou non se poden chamar dereitos. Se eu quero -poñamos por caso- que o meu fillo estude en español e a maioría quere galego, a min non se me garante o meu dereito e aos outros si.
  4. Feijoo di que só ten a oposición dos extremistas: os de Galicia Bilingüe dun lado e os do Bloque do outro. Pero é que neste a xente do BNG, da CIG e da Mesa ten o apoio da Real Academia Galega, do PSOE, de UGT, de CCOO, dos rectores das tres Universidades, dos especialistas en pedagoxía, dos escritores... E eses de radicais non teñen nada. Pero se até moitos do PP se opoñen, ho! Mira se non o fillo do Cuíña ou o fillo do Baltar, que son do partido de toda a vida e están que trinan.
  5. O de que os pais escollan parece unha cousa boa, pero se se pensa ben, non ten xeito. Primeiro de todo, porque a educación pagámola todos e non só os que teñen fillos na escola. E se eu son empresario ou comerciante ou traballador e non teño fillos na escola, tamén me interesa que os alumnos saian ben formados para o emprego, e estoulles pagando os estudos cos meus impostos.
    Ademais, como a votación vai ser cada 4 anos, moitos pais aínda que voten non van poder escoller a lingua na que lle ensinan aos fillos; os que xa estexan en 4º da ESO, por exemplo, votan pero a eles xa non lles vai afectar. E se os dous pais pensan de xeito diferente ou están separados, cal é a opinión que vale? E se na casa falan as dúas linguas cos cativos, o que van responder agora que a Xunta obriga a escoller só unha para as clases do neno?
    E seica os pais tamén van elexir se os rapaces teñen que aprender ecuacións ou non? O que eu che diga, iso de poñer os pais a gobernar as escolas é de chiste.
  6. Feijoo non é un gobernante serio: unha persoa responsable non fai as cousas deste xeito; e ademais se é Presidente de Galicia, daquela ten que defender o noso, que carallo! Se quere quedar ben en Madrid, que se presente ás eleccións alí. Nestas cousas non se pode cambiar todo da noite para o día cando tes 38 deputados contra 37. Aínda máis, que o bipartito cando fixo o decreto o negociou con todo o mundo antes de presentalo, pero estes fixérono todo ás agachadas. E claro, despois teñen a todo o mundo en contra, así que o mellor que poden facer é recuar e empezar de novo, pero facendo as cousas ben e falando con todo o mundo.
Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Folga pola retirada do “contradecreto”

12 xaneiro 2010

folgaxeralensino21012010

Desde hoxe comezan a estar en circulación os cartaces e folletos chamando á folga no ensino convocada pola plataforma Queremos Galego! para o próximo xoves, 21 de xaneiro, baixo o lema "En defensa da convivencia e do galego". A folga xa conta co apoio -entre moitos outros- das organizacións sindicais (CIG, STEG), políticas (BNG, EU-IU) e estudantís (Comités) que fan parte da plataforma. Os sindicatos UGT-Galicia e CCOO-Galicia farán pública nas próximas horas a súa posición, que previsiblemente será de apoio á folga. O PSdeG-PSOE manifestou que apoiará todas as mobilizacións contra o decreto, pero aínda non explicitou a súa adhesión ou non a esta convocatoria.

En calquera caso, hai poucas dúbidas de que a folga será un éxito e de que representará o cerne da oposición social aos plans lingüísticos de Feijoo, Lorenzo & Co. Ltd.

Na web de Queremos Galego! podedes encontrar máis información sobre os 6 motivos para rexeitar o decreto e sobre os servizos de autobuses para acudir á manifestación que ese día partirá da Alameda compostelá.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Análise crítica sobre o contradecreto do galego no ensino, alias “Decreto do Plurilingüismo”

3 xaneiro 2010

Este é un documento de uso libre baixo licenza Copyleft/GNU-GPL
(calquera copia ou modificación deberá ser distribuída libremente)

Esta versión é un extracto. Podes acceder ao artigo completo en formato de blog ou como documento .pdf

Ofrecemos a seguir a análise realizada polos editores do blog Carlos Amoedo e Filipe Diez a respecto do "Decreto do Plurilingüismo" anunciado pola Xunta ao remate do Consello da Xunta celebrado o pasado 30 de decembro. Trátase dun argumentario que pretendemos que sexa ao mesmo tempo sintético e abranxente, no cal se introducen consideracións xurídicas e pedagóxicas, mais sobre todo políticas.

Antes de entrar en cheo na análise, queremos salientar varias cuestións centrais:

I. Un decreto plagado de cinismo

O cinismo e a hipocrisía dos autores do decreto fica patente xa no preámbulo, cuxo contido é claramente diverxente –e, na maior parte dos casos, antagónico– a respecto das disposicións contidas no articulado:

Mais a maior mostra de cinismo é tentar manter unha hipócrita apariencia de equidistancia entre os supostos extremos representados por Galicia Bilingüe e por Queremos Galego. Os primeiros –incapaces de xuntar máis de 2.000 persoas mesmo fletando autobuses desde o País Basco, Cataluña, Madrid e Andalucía– critican o borrador do decreto unicamente como estratexia para contribuír a lexitimalo. Os segundos –que convocaron e organizaron as dúas manifestacións máis multitudinarias desde o Prestige– rexeitan o contido de decreto por principios coincidentes cos expostos no presente artigo.

E non deixa de ser igualmente cínico que se pretenda impoñer o dereito de elección da lingua vehicular do ensino pouco máis dun mes despois de que o Tribunal Supremo declarase a inexistencia de tal dereito, como comentaremos máis abaixo.

Seguir lendo (artigo completo) Descargar o artigo en .pdf

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Previsión e proposta de mobilizacións contra o novo decreto do galego

26 decembro 2009

engalego

Imaxe tirada do blog Groucho

Vén aí o novo decreto do galego no ensino non universitario. Tal como adiantou en exclusiva o blog Feijoomente e despois confirmou o Faro de Vigo, prevese que se estableza unha política dun terzo de presenza do galego e idéntica porcentaxe de castelán e inglés. Segundo Galicia Hoxe, o novo decreto será aprobado o mércores, día 30, no último Consello da Xunta deste ano.

Á vista de todo iso, xa comezan a programarse as primeiras mobilizacións cidadás para reclamar o mínimo do 50% en galego. Así, a plataforma Queremos Galego ten previsto convocar concentracións ao día seguinte da aprobación, aínda que se finalmente o decreto se aproba o día 30, poderían retrasarse até o sábado día 2, pola dificuldade de promover unha concentración en pleno día de Fin de Ano.

Concordando plenamente coa necesidade de convocar concentracións de protesta, pensamos humildemente que non se debe esperar nin un día para reaccionar, polo que propoñemos que se convoquen concentracións para o mércores, día 30, ás 20h., no centro do maior número posible de cidades e vilas do país. E se á convocatoria se unen todas as plataformas en defensa do galego, moito mellor aínda, xa que permitirá visualizar a unidade social contra este novo ataque á lingua galega.

Queremos contar coa vosa opinión en dous aspectos:

  1. Parécevos axeitado convocar concentracións para o mesmo día 30, en previsión de que (como é máis que probable) nesa data se aprobe o novo decreto ou -en caso de que non sexa así- como reivindicación de que se manteña o mínimo do 50% en galego?
  2. Cal pensades que sería o local máis axeitado para concentrarse na vosa cidade ou vila?
Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Feijoo comeza a privatización da Sanidade

24 decembro 2009

farjas

Onte, o Consello da Xunta aprobou a proposta da CoOnsellería de Sanidade para a privatización do novo hospital de Vigo, que será explotado por unha empresa privada durante un período de trinta anos. Comeza así a implantación na nosa terra do nefasto modelo de xestión de servizos públicos a través de concesións de obra pública , ben coñecido por madrileños e valenciáns, que o padecen hai anos. Ler máis en Feijoomente.

Xa vai sendo hora de organizar unha grande mobilización unitaria a favor dos servizos públicos, na que se aúnen as reivindicacións sanitarias, educativas e de I+B.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

O BNG fai súa a proposta do CCG e reta Feijoo a rectificar

23 decembro 2009

logo_ccg_g

Hai pouco máis dun mes, o Consello da Cultura Galega transladou ás forzas políticas representadas no Parlamento galego unha proposta institucional para actualizar e renovar o consenso en materia de normalización. Nos últimos días, o Portavoz Parlamentar do BNG, Carlos Aymerich, respondeu á iniciativa do CCG cunha carta encamiñada ao Presidente dese organismo, Ramón Villares, na cal lle indica a plena coincidencia do BNG co diagnóstico e coas propostas do CCG.

Hoxe mesmo, o propio Aymerich interpelou Feijoo sobre a súa posición a respecto da proposta formulada polo CCG. Aproveitou para advertir que calquera diálogo sobre esta cuestión pasa ineludiblemente pola rectificación das medidas de agresión ao galego aprobadas polo goberno de Feijoo. A resposta de Feijoo foi elocuente: non lle interesa a proposta do CCG, non pretende establecer ningún diálogo entre as forzas políticas e non asume as agresións contra o idioma que leva practicadas.

Feijoo permítese darlle plantón ao CCG sen pararse a discutir a proposta, confiado na inmunidade mediática da que goza. Mais parece esquecer un aspecto importante: no asunto da lingua, está a tecerse un amplísimo consenso social, que sobarda en moito o ámbito de influencia do nacionalismo; por iso, de seguir polo camiño que até agora leva, Feijoo consolidarase como oposición e non como gobernante, un risco se cadra máis serio do que el pensa. De paso, este novo episodio demonstra o que algúns nunca dubidamos: contra Feijoo, non pode haber treguas.

Para concluír, reproducimos a seguir a carta do Portavoz do BNG no Parlamento galego ao Presidente do Consello da Cultura:


Ao coidado do Presidente do Consello da Cultura Galega

Prezado Sr. Villares

É con muito interese que vimos de estudar no Grupo Parlamentar do BNG a proposta do Pleno do Consello da Cultura Galega (doravante, CCG) que vostede preside para a constitución dunha Comisión Parlamentar que elabore, no marco temporal da actual lexislatura, unha proposta de desenvolvemento consensuado do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

Partillamos a análise na que a tal proposta se funda e tamén os catro presupostos dos que, do autorizado ponto de vista do CCG, debe partir calquera iniciativa de recuperación do consenso político, social e institucional para a plena normalización da nosa lingua. Consideramos en particular que o segundo deles – a saber,  que en ningún caso se deben tomar medidas que supoñan pasos atrás no proceso de recuperación do galego como lingua propia de Galicia, co obxectivo de situalo en pé de igualdade co castelán – debe constituir neste momento un mínimo compartido entre todas as forzas políticas representadas no Parlamento así como a garantía da efectividade dos traballos da devandita Comisión Parlamentar, máxime despois da reforma da Lei de Función Pública e da inminente derrogación do Decreto de uso do galego no ensino non universitario anunciada pola Xunta de Galiza.

Tal e como o CCG subliña, malia ser a normalización do galego  responsabilidade de toda a sociedade é á Xunta de Galiza a quen corresponde, por mandado legal e estatutario, liderar o proceso de recuperación e dignificación da nosa lingua. É pois á Xunta de Galiza quen debe, como paso previo á constitución desta Comisión Parlamentar e á restauración do consenso lingüístico, paralisar e corrixir calquera paso atrás en materia lingüística tanto no ámbito educativo como no da función pública.

No entanto, como Grupo Parlamentar do BNG seguiremos a traballar na defensa do consenso lingüístico representado, a día de hoxe, pola Lei de Normalización Lingüística, o Plano Xeral de Normalización Lingüística e máis o Decreto de uso da Lingua Galega no ensino non universitario.

Un cordial saúdo

Carlos Aymerich Cano
Portavoz do Grupo Parlamentar do BNG

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Aymerich pon condicións a Feijoo no tema das caixas

22 decembro 2009

aym
Foto: atlantico.net

O Portavoz do BNG no Parlamento galego, Carlos Aymerich, aproveitou hoxe a comparecencia de Feijoo na Cámara para esixirlle que demonstre a súa vontade de acordo a respecto do futuro das caixas de aforro presentando o anunciado e nunca substanciado recurso de inconstitucionalidade contra o FROB.

Ademais, Aymerich criticou a posición de Feijoo na Conferencia de Presidentes, no modelo de financiamento autonómico, no futuro do sector lácteo (paga a pena ler esta noticia sobre as manobras do PPdeG en Pascual), entre outros aspectos capitais da política desempeñada até agora polo PPdeG.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Feijoo, o facedor de parados

19 decembro 2009

feijoo mangueras

Hoxe, Feijoomente publica unha interesante análise sobre a evolución do desemprego en Galiza nos últimos anos e sobre o nefasto impacto da política económica de Feijoo sobre o emprego. Lectura moi recomendada.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

[EDITORIAL] O BNG e as caixas, entre a realidade e o desexo

4 decembro 2009

Dicíamos o pasado sábado que Guillerme ten que dar explicacións. E esperamos sinceramente que as dé. Non, desde logo, nin neste blog nin aos seus redactores, que nunca tal pretendemos, senón no Consello Nacional do BNG, a quen corresponde tomar as decisións estratéxicas da política da organización entre asembleas e fiscalizar a súa execución. Todo o BNG estará moi atento a esas explicacións, se é que chegan a producirse; será entón o momento de elevar a definitivas as conclusións, que por agora son unha mestura de constatacións e hipóteses de traballo.

As constatacións

1ª constatación. As informacións contidas no post onde se sacan á luz as controvertidas actuacións de Guillerme non recibiron o menor desmentido, e polo contrario foron obxecto de xustificación implícita (case explícita) por parte da UPG. Até a última coma do texto é veraz, polo que a discusión non está nos feitos, senón -como case sempre- na súa interpretación: principios versus realpolitik, lealdade versus instrumentalización, pluralidade versus hexemonía, democracia versus aparato; e, en resumo, proxecto común versus axenda de partido.

2ª constatación. A dirección política do BNG segue instalada en inercias do pasado, tales como a opacidade no trato coa militancia, o curtopracismo estratéxico, o calculismo faccionalista e o medo ao debate franco, actitudes impropias dunha forza política que pretende liderar unha mudanza social transcendental. Equivócase quen lle poña siglas a estas inercias, desgrazadamente transversais ao conxunto do BNG, aínda que capitalizadas en beneficio exclusivo por unha das súas partes.

3ª constatación. En casa do ferreiro, coller de pao. Para sorpresa nosa, que seguramente o será tamén vosa ao lelo, as críticas que recibimos por publicar os posts do pasado fin de semana (o do sábado e o do domingo) proviñeron non só da UPG, senón tamén de +BNG. Mentres as primeiras se centraron en tentar desacreditarnos persoalmente, vista a imposibilidade de negar os feitos, as segundas tiñan como elemento básico o cuestionamento sobre a excesiva influencia deste blog no tocante a marcar a axenda política e estratéxica do BNG.

Inciso aclaratorio

De nós tense dito case de todo, menos que somos guapos (queremos crer que por evitar obviedades). Vexamos algúns motivos recorrentes, a modo de hit parade das perlas deixadas nos comentarios do blog:

Explicación nº1. Nós defendemos unha postura política e un modelo organizativo e Quintana o contrario, para que non se note que somos os seus lacaios. Exercemos a crítica publicamente e sen seudónimos, porque somos uns inxenuos e pensamos que así chegaremos a concelleiros, o soño que embala as nosas noites desde a máis tenra infancia. Aymerich fai listas para a dirección do BNG e para a de +BNG e nós nin queremos nin pedimos nin pillamos postos, porque estamos esperando o momento de dar o salto. Criticamos a indefinición de +BNG, para manter a apariencia de independencia a fin de poder exercer mellor o noso submiso papel de sicarios sen soldo. Xustificamos cada unha das nosas críticas á liña política que a UPG lle está a imprimir ao BNG, pero no fondo facémolas porque somos uns resentidos debido a que Paco Rodríguez non nos quere e desfogamos as nosas frustracións atacándoo a el e o partido que dirixe. Poñemos luz e taquígrafos para que a militancia poida decidir libre e informadamente sobre o que se debería falar e de feito non se fala nas asembleas, pero facémolo porque no noso foro íntimos somos uns traidores con moito tempo libre.

Explicación nº 2. Creamos este blog antes de que nacese +BNG, antes mesmo de que nacese Debate Aberto na comarca da Coruña; non temos o dubidoso don da docilidade: polo tanto, se +BNG quere facer a súa política de comunicación, que vaia comezando, que non é sen tempo, pero que non conten con que lla fagamos nós. Nunca fomos quintanistas nin por afinidade ideolóxica nin por modelo de actuación dentro do BNG nin por varios outros aspectos, sen que iso nos impida valorar, xunto aos erros, as valiosas contribucións de Quintana ao nacionalismo como Portavoz Nacional e como gobernante; en consecuencia, nin lle pedimos permiso para publicar posicionamentos críticos, nin lle reclamamos unha subvención cando é a vez dos laudatorios. Cando Aymerich e todo o actual grupo dirixente de +BNG estaban aínda en dúbidas sobre a estratexia a seguir e sobre o modelo de relacións coa UPG, este blog xa defendía sen ningunha ambigüidade a necesidade de construír unha nova maioría alternativa á da UPG (sobre todo, á desta UPG); daquela, estábamos en "trincheiras" opostas, como xa ocorrera no pasado recente, e voltaremos estalo se a situación o esixe, xa que a nosa coincidencia con el neste momento ou con calquera outro(a) no futuro non é nin interesada nin incondicional. Pensamos que a UPG é un activo valiosísimo para o BNG, por moitos motivos que non caben neste post, pero non debe patrimonializar o BNG (e o nacionalismo) nin impoñer a súa axenda ao conxunto; daí que as críticas ao actual rumo da UPG non teñan a ver coa súa ideoloxía, que respectamos integramente e compartimos parcialmente, senón coa súa praxe, na cal sería estúpido negarlle un papel preeminente a Paco Rodríguez. Consideramos que o traballo militante non se reduce aos mandamentos do catecismo dos aspirantes a liberados, senón que inclúe tamén a reflexión e o debate; para nós, facelo publicamente é unha oportunidade de socializalo e de crear unha rede entre a militancia que desde a organización nunca se impulsou, pois caso contrario este blog non tería se convertido no que é.

Escollede libremente a vosa explicación. Pero advertimos que hai truco: nunha, todas as proposicións son verdadeiras: na outra, todas falsas, polo que non é válido facer unha ensalada ao gusto do fregués.

As hipóteses de traballo (acumulativas, complementarias e non excluíntes)

1ª hipótese. Se o BNG só decidiu en setembro a súa posición sobre as caixas, pero xa o 30 de xullo Jorquera anunciaba nos medios o seu apoio á fusión e o 22 de agosto Rodríguez gababa a figura de Méndez, chegaríamos aos seguintes corolarios: (a) a decisión foi tomada por unha parte e imposta ao conxunto do BNG; e (b) a decisión foi tomada antes de ter datos que a avalasen.

2ª hipótese. Se o BNG promove no Parlamento galego unha reforma da Lei de Caixas absolutamente exemplar, calquera acordo ao que se chegue en nome do BNG debe atender aos criterios marcados nese texto e compartidos por toda a organización. Tendo en conta que o apoio do PPdeG á tramitación da reforma non é definitivo nin definitorio, porque aínda está aberto o período de emendas, en caso de que se lle teña dado a Feijoo un apoio público e rotundo sen garantías sobre o contido que efectivamente será aprobado é unha torpeza, unha irresponsabilidade e unha deslealdade co que foi aprobado polo Consello Nacional do BNG para ser defendido e executado polo Portavoz Nacional e pola Executiva Nacional.

Desdobramento: en caso de que existan garantías por parte do PPdeG, sería de todo punto necesario transmitirlle ao Consello Nacional non só a súa existencia, senón quen as deu, cando, a quen e en troca de que.

3ª hipótese. Se o Portavoz Nacional recibiu a autorización dos órgaos de goberno do BNG para escribirlle unha carta a Feijoo poñéndose á súa disposición no tema das caixas, para reunirse con Santiago Rey, para acudir á homenaxe a Francisco Vázquez e para comparecer diante da imprensa á maior gloria de Feijoo o galeguista e o estadista, Guillerme non ten nada o que explicar. Se non foi así, é mellor que teña argumentos moi sólidos para facer o que fixo, ou do contrario terá esgotado o seu crédito.

4ª hipótese. Se o Portavoz Nacional só tivo acceso -durante a reunión en Monte Pío- a unhas carpetas de datos portadas por Marta Currás para ser analisadas durante 10 minutos, ou estamos diante dun savant da análise económica, ou o BNG dispón dos seus propios datos, ou obrouse de maneira inconsistente, para dicilo delicadamente. No primeiro suposto, o Consello Nacional debe organizar unha homenaxe en honra a Guillerme pola súa inaudita capacidade; no segundo, debe ter acceso completo e irrestrito aos datos que obran en poder das persoas que tomaron as decisións; no terceiro, debe exercer o seu papel de fiscalizador e esixir as responsabilidades cabibles.

5ª hipótese. Disxuntiva: Feijoo é un traidor a todo o que cheire a Galiza, un oportunista político á espera de voos maiores e un mal gobernante que gañou sen facer méritos versus Feijoo foi obrigado a rectificar, está actuando en clave de país por primeira vez e exerce con responsabilidade no tocante ás caixas o mandato que lle foi conferido.

Desenvolveremos a disxuntiva en estrutura drmática, que é algo que aínda non fixemos no blog, nos apetece e é ben acaído para a farsa que estamos a asistir.

Acto I - Feijoo, inmóbil, medita nunha encrucillada de camiños.

Acto II - Feijoo recibe a carta de Guillerme e ten unha revelación.

Acto III - A entronización de Feijoo.

Epílogo posible - Feijoo sobe aos ceos.

Coda necesaria. O mesmo Feijoo que incumpriu a súa palabra sobre o "Estatuto de Nación" (?) para Galiza, xa pactado co PSdeG e co BNG na comisión parlamentar; o mesmo que chegou ao poder á base de mentiras, medias verdades e intoxicacións; o mesmo que desatou a maior ofensiva coñecida contra a lingua e a cultura galegas; o mesmo que privatiza os servizos sociais postos en funcionamento polo BNG; pois ben, ese Feijoo, e non outro creado para a ocasión, é capaz de aglutinar o consenso das tres forzas políticas maioritarias sen comprometerse a nada en troca: nin novo modelo de caixas, nin relevo dos xestores, nin política de investimentos, nin coordinación co poder público, nin recurso de inconstitucionalidade contra o FROB, nin blindaxe da galeguidade da nova caixa...

Claro que sempre hai unha explicación alternativa: grazas á intelixencia estratéxica de certas mentes do BNG, o nacionalismo foi capaz de ter a iniciativa neste asunto, mesmo que só ten 12 deputados e ningún poder sobre as caixas, dominadas integramente polo PPdeG e polo PSdeG; a realpolitik de alianzas cos medios reaccionarios propiciou obxectivamente unha mudanza no posicionamento da opinión pública, determinando en última instancia a necesidade de rectificación da táctica seguida por Feijoo até ese momento; por vez primeira, e grazas ao BNG (leáse grazas á UPG), Feijoo compórtase como un gobernante galego e non como un zipaio; as xestións de Guillerme -carta, reunións secretas e comparecencias públicas- son un elemento fulcral do éxito histórico alcanzado polo nacionalismo galego; os que se opoñen á realpolitik chamándoa traizón, deslealdade e componendas son uns infantilistas, uns intoxicadores e/ou uns axentes a soldo de Gayoso; etcétera.

Síntese preliminar. O Consello Nacional do BNG merece os parabéns pola súa aposta por unha caixa galega forte, cun compromiso de investimentos produtivos no país, con acceso ao crédito aos particulares e ás empresas en condicións diferenciadas das da banca privada, cunha xestión democrática, sen nepotismo, cun relevo dos equipos de xestión, cun goberno razoablemente democrático, con competencias da Xunta que garantan a súa inserción nas políticas públicas tanto de impulso económico como de tipo social, cunha obra social reorientada e coordinada cos organismos públicos prestadores de servizos sociais... en fin, polas medidas impulsadas na proposta de reforma da Lei de Caixas. O BNG tivo neste proceso unha postura modélica, moi distante do mutismo calculado e calculador do PSdeG e do discruso ambiguo e hipócrita do PSdeG. Se alguén saltou o roteiro, tentando conseguir obxectivos máis ambiciosos e colocando en serio risco a estratexia presente e futura definida colectiva e democraticamente polo BNG, que se explique. Que, se lembrades, é o único que deste este blog pedimos desde o comezo: explicacións.

Como militantes do BNG que recibimos semanalmente a axenda de actos do noso Portavoz Nacional, non nos gusta ficar con cara de parvos enteirándonos pola imprensa do que fai sen ser comunicado nin á militancia nin á dirección que escollemos; como persoas que cremos na intelixencia e na madurez da militancia do BNG, non comungamos co escurantismo; como nacionalistas, só comprenderíamos a apoio a Feijoo nunha situación de emerxencia nacional e coas máximas garantías, pactadas de antemán e por escrito; como persoas de esquerdas, non engolimos a necesidade de pactar cun fascista como Santiago Rey en suposto beneficio do país. Lealdade ao BNG, toda, na concordancia e na discrepancia; pero ao BNG, non ás súas partes, fique claro.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Feijoomente adianta as directrices do novo decreto do galego no esnino

2 decembro 2009

Podedes ler o post aquí.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

LVG confirma e gaba a “pinza” Feijoo/Rodríguez

29 novembro 2009

feijoovazquezmendez

Foto: Víctor Mejuto (LVG)

Hoxe, un articulista de LVG asina unha columna -disfrazada de crónica- na que eloxia a "pinza" construída por Feijoo e Paco Rodríguez no tema das caixas, ao tempo que dá información sobre as deliberacións da Executiva Nacional do BNG. Iso si, confírmase o erro de Paco Rodríguez: o texto deixa ben claro que é este quen serve aos propósitos de Feijoo, e non viceversa. E é que xa o di a Biblia: "Agora, pois, foge para o teu lugar; eu tinha dito que te honraria grandemente; mas eis que o Senhor te privou desta honra" (Números 24, 11). Excepcionalmente, e debido á gravidade do asunto, rompemos momentaneamente o noso boicot a ese medio deleznable, verdadeiro cancro da democracia neste país, e colocamos a seguir o link á crónica publicada no medio LVG.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

O cultur.gal vira AchegArte

25 novembro 2009

pantalla-para-presentacion

Despois da vergoñenta decisión da Xunta (unha máis entre tantas!) de retirar o apoio financieiro para a organziación da feira da cultura galega que anualmente se celebraba na cidade da Coruña baixo o título cultur.gal, diversos solectivos culturais decidiron continuar coa organización do evento, co novo nome de AchegArte e co apoio da Deputación e do Concello da Coruña. Así, durante todo o fin de semana próximo (sábado 28 e domingo 29), o recinto PalExCo acollerá unha enorme variedade de representacións artísticas e mostras culturais. A entrada é libre e gratuita, e o programa pode ser consultado ou descargado desde a web de Cultura do Concello da Coruña.

En Xornal podedes ler unha entrevista con María Xosé Bravo, máxima responsable pola coordinación dos esforzos dirixidos a conseguir organizar o evento. Moita merda e longa vida a cultur.gal/AchegArte!

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Solidariedade con “Novas da Galiza”

23 novembro 2009

novasgz

A publicación Novas da Galiza foi excluída pola Xunta das axudas aos medios escritos en galego debido ao uso dunha norma gráfica diferente da (mal) considerada oficial. O BNG denunciou no Parlamento galego este feito, que nos parece lamentable, aínda máis vindo dun goberno que se di "defensor da liberdade" (??) e que dedica tres veces máis cartos a subvencionar a imprensa en español que a escrita na lingua do país. Convidámosvos a que visitedes o site de Novas de Galiza e, se o desexades, fagades constar a vosa solidariedade cunha mensaxe.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Feijoo desmantela o Consorcio de Igualdade e Benestar

19 novembro 2009

Algúns seguen a dicir que montar o Consorcio foi froito dunha política de dereitas, privatizadora e todo o demais. Pois ben, parece que a verdadeira dereita non pensa igual: prefere pechar oficinas, botar 61 traballadores á rúa e pasar por riba do convenio colectivo. Máis información na web da CIG-Ensino. E se alguén aínda non ve claramente as diferenzas, este post de Calidonia pode darlle outro empurronciño.

Unha vez máis: ou defendemos os nosos logros do paso polo Goberno galego, ou estaremos condenando o país a unha longa hexemonía do PP máis reaccionario e neocon. Fagamos autocrítica interna e publicamente, por exemplo sobre o baremo das oposicións ao Consorcio, perfectamente legal -como xa admitiu hai meses a Xustiza- pero moi cuestionable, mais sen caír no absurdo de renunciar ás conquistas sociais que conseguimos implantar.

Aínda máis: a Xunta reduce os servizos sociais en plena crise, diminuíndo polo tanto a cobertura quen máis sofre os seus efectos e debilitando un sector que é o único (xunto co agro e a pesca) que xera emprego neto, como demonstra o último informe do IGE, publicado onte mesmo. O BNG ten o deber ético e político de reivindicar a aposta polos servizos sociais, polas enerxías renovables, polas industrias culturais propias, pola revitalización do medio rural, por unha xestión do solo ao servizo da sociedade e non da especulación... Eses son pilares esenciais do noso modelo político, e sería unha torpeza maiúscula renunciar a eles e deixar de darlle o combate a Feijoo nese frente de batalla.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

A falsa austeridade de Feijoo

4 setembro 2009

Unha vez máis, recomendamos a lectura dun post publicado no blog Feijoomente. Neste caso, trátase dunha análise demoledora sobre as falacias de Feijoo sobre a austeridade da Xunta fronte á situación de crise.

Aínda que recomendamos a lectura do post en versión íntegra, reproducimos a seguir unha parte das conclusións ás que chega, e que demonstra con cifras e datos oficiais:

En conclusión: o Plan de Austeridade non existiu, senón que non pasou dunha reorientación orzamentaria; o Plan de Choque só afecta a entre o 1,5% e o 2% do Orzamento, non ao 11% anunciado a bombo e platillo, e é na súa inmensa maioría unha herdanza do bipartito; a redución da "Administración paralela" da Xunta é unha farsa que encobre o aumento de altos cargos; e os Audis, case todos comprados por gobernos do PPdeG, van ser malvendidos polo goberno do PPdeG. Todo, en nome da austeridade. [Nota á marxe: recomendamos aos lectores que comparen estas informacións, absolutamente contrastadas e verificables, cos titulares dos xornais de referencia da imprensa galega sobre estes asuntos.]

Entón, se a austeridade non existe na práctica, a que intereses responde? Haberá tempo de comentalo máis polo miúdo ao longo dos próximos meses e do conxunto da lexislatura, pero é evidente a súa función principal: servir como coartada para a redución dos gastos sociais nas áreas de educación, sanidade, xustiza, cultura e salvamento marítimo e como cortina de fume para os ataques á lingua galega.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Seguinte páxina »