Resumo da Asemblea Constituínte de +BNG

21 novembro 2009

001No inicio da xornada, o ambiente no hall da Facultade de Económicas era de camaradería e expectación. Moitos saúdos, abrazos e trocas de impresións preliminares, que deron paso aos cafés en grupo, aproveitando o atraso co que comezou a sesión. Poucos repararon, nesa altura, en que o verde era a nova cor identificativa do colectivo.

A militancia foi chegando de maneira casual pero afortunadamente escalonada, o que propiciou que non se formaran grandes filas para a acreditación. Como anécdota, dicir que o propio Carlos Aymerich tivo que cubrir a ficha de adhesión na mesa de incidencias, xa que non constaba nos arquivos. O mesmo fixeron outros militantes e algúns simpatizantes que aproveitaron a Asemblea para formalizar a súa condición de militante. Segundo fontes da organización, despois das altas producidas onte, +BNG xa conta con máis de 700 militantes censados. Iso si, a afluencia á Asemblea foi menor do que iso: a pesar de que o aforo estivo completamente ocupado desde 30 minutos despois do inicio, e de que na sesión da tarde houbo quen tivo que seguir o desenvolvemento da Asemblea nos corredores, o número de participantes estivo ao redor dos 450.

002

Canto aos debates en si, é de salientar o clima de cordialidade que imprimiron a Mesa (composta por Xosé Luís Barcia, María Alonso e Xoán Bascuas) e os ponentes, nomeadamente Xosé Luís Barcia e Edelmiro López, que levaron o peso da defensa da ponencia estatutaria e política, respectivamente. Ese mesmo talante xa fora mostrado na aceptación ou proposta de transacción de máis da metade das emendas presentadas polas agrupacións comarcais, e transluciu até mesmo na aceptación de emendas tras a defensa no Pleno e na formulación de transaccións in voce para evitar o rexeitamento de emendas que se consideraban enriquecedoras do texto. A pesar diso, ese punto da cultura política do BNG que establece que, na dúbida, a maioría apoie o texto "oficial" cumpriuse, polo que foron sobre unha ducia as emendas aprobadas polo Plenario, das aproximadamente 50 sometidas a debate (as demais foron aceptadas, transaccionadas ou retiradas).

Debate da ponencia política
A comarca da Coruña, que largamente foi a máis prolífica en emendas, protagonizou o inicio dos debates. Antón Reixa, que máis tarde protagonizaría un dos momentos estelares da xornada, foi o primeiro en quebrar o xeo coa proposta de utilizar "aleatoriamente" [sic] as denominacións Galiza e Galicia; a pesar do apretado da votación, a emenda non foi aprobada. Despois, foi o turno de Antón Tenreiro, solicitando a substitución do termo "corrente" por "organización", emenda rexeitada por maioría visual e que foi o primeiro sinal do que podería ocorrer máis tarde, cando se tratase abertamente a proposta de constitución na forma de partido político. Por último, Xoán Antón Pérez Lema conseguiu sacar adiante a transacción segundo a cal +BNG se define como "nacionalismo democrático e socialmente transformador", a pesar de que 6 militantes -entre eles, Carlos Amoedo- solicitaron que fose mantido o texto orixinal cunha referencia explícita á ideoloxía de esquerdas. Nun dos escasos fallos da Mesa, procedeuse a votar sen previamente defender o texto orixinal, o que probablemente contribuiu á vitoria da emenda. De feito, no final do documento, unha emenda similar e tamén presentada por Pérez Lema, solicitando a retirada da palabra "esquerda", foi rexeitada por 155 votos a 100, despois de que Filipe Diez defendese o texto orixinal da ponencia.

Foron precisamente Filipe Diez e Carlos Amoedo quen reivindicaron, respectivamente e sen éxito en ambos os casos, unha postura máis crítica a respecto da Unión Europea e unha aposta por un modelo de relacións internacionais máis xusto. A seguir, Emilio García defendeu un texto de aprofundamento na visión do pobo galego como único portador lexítimo de soberanía política, que foi transaccionado in voce pola Mesa.

"Os do blog", protagonistas deste tramo dos debates, aínda coprotagonizarían -sen esperalo- o que sería o primeiro duelo de Quintana na Asemblea. Cando Filipe Diez subiu ao estrado para defender o nacionalismo como único garante da superación das institucións autonómicas, semellaba que a emenda pasaría por ampla maioría. Mais co que ninguén contaba é con que -aproveitando o receso para o Acto Nacional contra a Violencia de Xénero- Quintana pedira á Mesa intervir na defensa de tres emendas que previamente marcara en vermello, e a primeira era esta. O que sucedeu foi que Quintana realizou unha encendida defensa do aproveitamento da potencialidade das institucións autonómicas como mellor fórmula para demonstrar a súa insuficiencia, tras o cal gañou a votación por amplísima maioría. Na seguinte emenda, Filipe Diez utilizou o inicio da súa intervención para agradecer a Quintana a defensa do texto da ponencia, xa que -como declarou publicamente- el era un dos autores desa redacción que Quintana reivindicara apaixonadamente. Polo demais, defendeu a amenda máis crítica co actual momento do capitalismo, pola depredación ambiental e o desastre social que provoca a escala planetaria. Novamente, Quintana encargouse de retrucar -desta vez nun ton máis sosegado-, aínda que dedicou a case totalidade do seu discurso a realizar unha alocución con mensaxes e actitudes de mitin e só no final descualificou a emenda por utilizar unha linguaxe marxista -sen citar o termo, iso si, que ademais non era acaído- e por transmitir a impresión de que se defende unha "axenda oculta".

En resumo, Quintana reivindicouse como un grande orador e demonstrou que aínda é capaz de reverter o signo de votacións que parecían encamiñarse a un resultado diferente sen a súa ben preparada e medida intervención. E estes que vos escriben reivindicáronse como ala crítica e esquerdista de +BNG, derrotada en case todo aínda que vencedora no futbolín.

003

Houbo a seguir un momento de transición, con moitas emendas aprobadas ou transaccionadas, e só no remate se produciron os debates cruciais, non sen que antes o PNG-PG defendese dúas emendas de modificación sobre a actuación de +BNG no seo do BNG, que non representaban mudanzas significativas a respecto da ponencia e que foron rexeitadas. Despois de que, como xa foi reseñado, o Plenario apoiase a defensa de Filipe Diez para que a definición de +BNG fose realizada en termos de esquerdas, produciuse o momento máis esperado: Antón Reixa defendeu a constitución dun partido e a escisión amigable do BNG, e unha vez máis Quintana reservou para si a defensa da postura "oficial".

Reixa fixo un discurso, que levaba escrito, con dúas partes ben diferenciadas: na primeira, que arrancou grandes aplausos, defendeu a constitución dun partido político (que era o que dicía, de feito, a emenda); na segunda, escoitada en expectante silencio, avogou por unha escisión pactada do BNG. Do mesmo xeito que Beiras na pasada Asemblea Nacional do BNG, Reixa excedeuse amplamente no tempo de uso da palabra, foi recriminado pola Mesa e polo Plenario, defendeu a súa actitude pola importancia do tema que estaba en discusión e foi finalmente aplaudido, nun déjà-vu para a historia. Quintana, que tamén se excedeu no tempo de resposta, mais que atendeu xa á primeira petición da Mesa para concluír, considerou inoportuna a constitución como partido político, dado que facilitaría as acusacións de querer romper o BNG. Quintana pede actuar sempre pensando no BNG, reforzando a casa común do nacionalismo cunha nova cultura interna e cunha outra sensibilidade externa, polo que pediu o apoio á fórmula de corrente. A postura defendida por Anxo Quintana saiu vencedora por abrumadora maioría.

Na votación global do texto da ponencia, o resultado foi de unanimidade técnica, i.e. sen votos en contra e con só 6 abstencións, entre elas a de Xoán Bascuas, líder do Espazo Socialista Galego e membro da Mesa da Asemblea.

Debate da proposta estatutaria (codinome: Regulamento Interno)
Nesta ponencia, foron varias as emendas que decaíron como resultado das resolucións previamente adoptadas no debate político. Porén, aínda había importantes cuestións a debate, sobre todo as relativas á composición e ao modo de elección dos órgaos de goberno.

008

Pé de foto esixido polo déspota Filipe Diez: "Nos vos fiedes da foto. En persoa, gaño moito."

Case todos os debates cruciais nesta ponencia foron protagonizados por estes que vos escriben. Así, Carlos Amoedo defendeu a constitución dunha Comisión de Garantías para velar polos dereitos dos membros da corrente e polo cumprimento dos estatutos que nese momento se estaban a debater. Filipe Diez defendeu, en dúas ocasións, a adopción de listas abertas (a nivel comarcal e a nivel nacional) como estímulo da participación, antídoto contra a partitocracia e sinal de verdadeira vontade renovadora. Emilio García reivindicou unha composición dos órgaos de goberno onde non houbese membros natos en virtude do exercicio de cargos fora da propia corrente. A seguir, Filipe Diez reivindicou unha Permanente con vocación de Executiva e onde só estexan as persoas que van asumir responsabilidades políticas concretas. Máis adiante, Carlos Amoedo cuestionou que só as cidades poidan constituír agrupacións locais, propoñendo que esa figura se estendese a todo o país, sempre que o nivel de militancia o permitise. Todas esas emendas foron rexeitadas, e só a referida ás asembleas locais tivo unha votación apertada e necesitou de reconto.

Saúl Santim conseguiu a aprobación, suxerida desde a propia Mesa despois da defensa do emendante, dun texto que propón a creación dunha estrutura de ciberseccións no seo da corrente, o que reforza e aprofunda na emenda da nosa autoría incorporada á ponencia política.

O último "punto quente" do debate era a inserción da xente nova en +BNG. O certo é que as negociacións dos días previos á Asemblea non foran conclusivas, polo que foi só durante a propia sesión cando se chegou a unha transacción final entre a propia xente moza integrada en +BNG (a maioría, da MSG) e a ponencia. Despois dunha intensa negociación, o resultado é que será a xente nova de +BNG quen decida o seu modo de relación coa corrente, e mentres tanto a MSG actuará como referente xuvenil. Polo tanto, a proposta orixinal da ponencia de que +BNG tivese unha organización xuvenil propia fica no aire, á espera da asemblea de mocidade que defina o seu status.

Na votación global da ponencia, houbo 364 votos a favor, 10 votos en contra e 10 abstencións. Os votos contrarios e as abstencións partiron sobre todo dunha parte da comarca da Coruña e dalgúns militantes do Espazo Socialista Galego.

Elección da Permanente e discurso de clausura
Facendo uso da prerrogativa que lle concedían os Estatutos aprobados inmediatamente antes, a Xestora Nacional realizou unha proposta de lista, que foi a única sometida á consideración da Asemblea. A candidatura, encabezada por Carlos Aymerich, recibiu o asentimento da Asemblea e unha prolongada ovación. Porén, un membro do Plenario solicitou que se recabasen os votos contrarios (non houbo ningún) e as abstencións (que foron 5), entre os reproches de boa parte dos presentes.

Como dato curioso, non foi Carlos Aymerich senón Teresa Táboas a persoa encargada de defender a lista proposta pola Xestora Nacional, na que destaca a ausencia de Anxo Quintana. Táboas fixo unha intervención breve, recibida con aplausos unánimes, e deu paso inmediatamente á aprobación da candidatura e á consecuente consagración de Aymerich como líder da corrente.

004

No momento final da sesión, Aymerich realizou un brillante discurso -que nalgunhas pasaxes arrancou aplausos entusiastas- no cal reivindicou o carácter de esquerdas, transformador e renovador de +BNG, o revulsivo que supón para o nacionalismo e a súa inserción na mellor tradición de pluralidade que caracterizou o BNG desde o seu nacemento. Ademais, tendeu a man a todo o BNG para darlle un novo impulso á frente, superando o impasse actual e relanzando a organización para afrontar as eleccións de 2011 nunha nova dinámica capaz de garantir os mellores resultados para o nacionalismo.

Co canto do himno galego, encerrouse a xornada, cuxa análise reservamos para un próximo post. Neste, tentamos transmitirvos un resumo obxectivo do que alí sucedeu, especialmente para quen non estivo presente pero desexa coñecer o ocorrido.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Publicado na categoría Anuncios e noticias | Trackback | del.icio.us | Enriba

39 respostas a “Resumo da Asemblea Constituínte de +BNG”

  1. gandalf di:

    ¿Foi convidado o BNG oficialmente a participar?
    ¿Foi convidado o Portavoz Nacional do BNG a participar para intervir na sesión de clausura -como foi práctica constante en todas as etapas do BNG-?
    Cónstame fidedignamente que a resposta ás dúas preguntas é NON, ao contrario do que vides afirmando.
    Prégovos que contrastedes esa información. Agardo unha valoración se confirmades a verdade, que para este suposto é única e absoluta. A min paréceme relevante e revelador.

  2. Inhigo J. Ansotegi Soares di:

    O que se nos indicou aos alí presentes é que se considerara se convidar a alguem e dado que era a fundaçom dumha corrente interna do BNG decidiu-se convidar ao BNG e o porta-voz nacional Guillerme Vázquez enviou um saúdo-carta que foi lido alí.

    Um saúdo

  3. O Tarabelo di:

    gandalf:

    Que eu saiva aquí so mente o PP e Cía. Os responsables deste blogue pódense enganar nalgunha cousa ou nalgún dato polas carreiras que teñen que facer para dar o resumo o antes posible, pero non menten. Primeiro e millor enterarse de coma van as cousas e despóis falar. Estamos a falar de xente positiva, construtiva e humilde e non de peixeiras.

    Saúdos

  4. hi di:

    un respeto para as peixeiras!

  5. filipediez di:

    #1 gandalf:

    A. Versión oficial (case literal).
    Barcia: “Guillerme Vázquez foi convidado, pero…”
    María Alonso: “Non, mellor deixa, que o explico eu”. E di que non se convidou ninguén, pero que mesmo así Guillerme tivo a cortesía de enviar unha carta. Le a carta, por certo moi correcta e cordial, que recibe un cerrado aplauso da Asemblea.

    B. Versión de corredores.
    Moitos militantes din que lles consta que Guillerme foi convidado e que respondeu “Eu só vou se falo” e que o da carta foi unha idea de Aymerich para saír do paso e evitar un conflito diplomático.

    C. Versión real.
    Unha das anteriores. Persoalmente, a min pedíronme que non publicase no blog cal era, e así o fago: simplemente, douche a escoller e ti -co teu propio criterio- decide cal che resulta máis convincente.

    Saúdos.

    P.S. Teño o maior respecto e cariño polas peixeiras.

  6. Roi Xordo di:

    1º) Guillerme debeu ser convidado. E supoño que o foi.

    UPG e EI deberon ser convidados. E coido que non o foron.

    Guillerme, caso de que fose convidado debeu ir. E +BNG debeu deixalo falar.

    A carta foi fina e agarimosa. Pero debeu ir.

    2º) Dou por feito que a opción real é a B). E en tal caso, mal por +BNG ó convidalo sen dereito a falar. E mal por Guillerme ó declina-lo convite por non poder falar.

    3º) A ver se dunha vez todos, incluídos nós, aprendemos a mirarnos menos o embigo, e ser máis corteses.

    Agora comezarán varios opinantes a fundamentar o correcto de que Guillerme non falase, ou de que a UPG e o EI non fosen convidados. Pero eu reitero, que xa é hora de mirármonos menos o embigo e intentar ver as cousas como as ve quen non está dentro.

    Por certo, caso de que houbésemos convidado á UPG, ó EI, e a Guillerme, iso permitiríanos a todos algo moi saudable como aplaudir con corrección á UPG, aplaudir con algo máis que corrección a Guillerme, e fundir a Aula Magna de Económicas ca calor dos aplausos a Beiras. E isto axudaría moito a achegar posturas con quen as temos que achegar. Pero en fin, xa foi, Marica non chores, que algúns iluminados (pois en tódolos sitios os hai) careceu da intelixencia política necesaria para unha tal xogada.

  7. Roi Xordo di:

    1º) No tocante ó himno non pode ser que sempre nos trabuquemos. A xente ten asumido que ó chegar a “fogar de Breogán” a estrofa se repita, sen prexuizo de que de seguido encetemos coa segunda parte do himno (“Os bos e xenerosos…”). Non pode ser nin que só se cante a primeira parte, nin que, coma ocorreu, para iniciar a segunda parte se corte dende a tribuna ó plenario que intentaba repetir a derradeira estrofa da primeira parte (“Fogar de Breogán…”).

    2º) A cor verde non me gusta nada. +BNG debía xogar co azul e branco que sempre definiu ó nacionalismo galego. Sen prexxuízo dalgunha tonalidade vermella, propia da esquerda, mais sen caer no anacronismo da estrela vermella.

    3º) Quintana é un grande orador. E tedes razón cando dicides que é quen de trocar o resultado da asemblea.

    4º) O discurso de Antón Reixa, sen negar que algo razón ten, é moi perigoso. Está ben como toque da tención e aviso a navegantes; pero un matrimonio no que sempre se estea amenazando co divorcio non acaba nunca ben. Así que estivo ben se aquí acaba o conto.

    5º) Moitos dos debates non deixaron de ser máis nominalistas ca outra cousa. Isto é, que tanto o texto oficial como as enmendas viñan dicir o mesmo, se ben con diferenzas de matiz.

    6º) Coido que entre os enmendantes da Coruña (ou sexa vos) e os enmendantes do PNG (ou sexa Pérez Lema) o texto resultante é un punto razonablemente intermedio e válido pra todos. Inda que as vosas enmendas nunha dirección, e as de Pérez Lema na contraria, ailladamente consideradas puideran valerme, alomenos a min, mal que ben tanto coma o texto oficial.

    7º) Filipe, coñecéndote a través desta páxina, coma se o personaxe dun libro foses, imaxinárate distinto físicamente. Facíache baixo, gordecho e con pouco pelo. Xa ves a sorpresa que levei cando souben quen eras. Só acertei en imaxinarte con barba.

    Unha aperta, e Deus fratesque Gallaeciae.

    Ai, perdón, tamén vos desexo a todos unha aperta nacional-popular (para que non se nos enfaden os trolls).

  8. filipediez di:

    #7 Roi Xordo: Sinto non ter cumprido as túas expectativas sobre min como personaxe de ficción, e espero que coñecer o meu físico non teña suposto para ti unha grande decepción ;)

    Unha aperta.

  9. chuza.org di:

    Resumo da Asemblea Constituínte de +BNG…

    Ponencias:”Antón Reixa, propon utilizar “aleatoriamente” denominacións Galiza e Galicia; Xoán Antón Pérez Lema saca adiante unha transacción segundo a cal +BNG se define como “nacionalismo democrático e socialmente transformador” sustituino a refe…

  10. Karlos Argiñano di:

    Moi guapo e elegante o Filipe, gústame o xersei de pescozo volto!

  11. carmela di:

    Por primeira vez en moitos anos
    algo diferente está a pasar no nacionalimo galego.
    O comite central debe botar fume

  12. dario di:

    Eu votei a favor da proposta de Antón Reixa!

  13. Bocas di:

    Unha nova asamblea en 2010? fode!!!, outra? Se non me engando houbo unha en 2006, outra en 2008 e outra máis en 2009, e aínda queredes outra en 2010? por favor!!, a ver cando o BNG se deixa de mirar o ombligo e actúa máis na sociedade que xa son horas. Ou é que hai moita presa en coller o poder

  14. Bocas di:

    Por certo, xa resulta cansino e aburrido o que anda a dicir Carlos Aymerich sobre o da provisionalidade no BNG. Xa postos, el tamén é provisional, e por partida doble, porque como os galegos e galegas non voten ao BNG en 2013, el terá que ir porñer escoliña.

  15. Amarante di:

    1.- Insisto no xa dito fai tempo. Ou +BNG e EI conflúen nunha estratexia conxunta cara a conformación dunha nova maioria hexemónica no BNG (frente, non contra, á UPG) ou non hai nada que facer.
    2.- A Asemblea Nacional debe ser antes das municipais, ou sexa, tratando de evitar (ou paliar) o desastre electoral que se aviciña. +BNG e EI deben convocar, o máis axiña posible, un Consello Nacional a tal efecto.
    3.- A estratexia conxunta +BNG-EI é a única que pode garantir o asentamento dun proxecto nacionalista e de esquerdas para o BNG, con vocación de goberno e de transformación social.
    4.- Anxo Quintana é un bó orador. Mágoa que como político (en cando portavoz nacional do BNG e vicepresidente da Xunta)non se poida dicir o mesmo. Sorte ( e bo senso común) ten +BNG de ir soltando lastre ao respecto.

    P.D : noraboa aos responsables do blog polo traballo desenvolto; e noraboa tamén por ter gañado ao futbolín. Noutros ámbitos, tamén se gaña perdendo.

  16. caralladas76 di:

    A min, da asemblea prefabricada e precociñada de onte, o único prefabricado que me gustou foi a cor verde chuzeira, precisamente.

    O que sí quedou claro onte é quen é o ideólogo deste proxecto político, malia que non esté no consello. E logo criticamos as eleccións “a dedo” do pepé. Xa xa.

  17. preguntón di:

    Grazas aos blogueiros polo seu traballo dos últimos meses, impagable, e tamén polo seu traballo nesta asemblea, insuficientemente tido en consideración, desde o meu punto de vista (fun dos que se abstiveron na votación do regulamento), pero moi ben encaixado pola súa banda, en concordancia co talante que se demostra aquí no dia a dia.
    Gustaríame deixar pousadas varias preguntas:

    1. Por que asume Quintana un protagonismo tan evidente e, para min, sorprendente nesta asemblea se se mantivo na sombra ata o de agora, e parece que seguirá (dado que non entrou no consello político votado onte)?

    2. Había medo quizais a que saíra adiante a emenda de Reixa?

    3. Parecevos que o debate de dentro/fóra está pechado?

    Un saúdo.

  18. emiliog di:

    #17 preguntón:

    1. Foi Quintana mesmo, que facía parte da ponencia, quen a última hora pediu intervir nesas tres emendas en concreto, as dúas nosas e a de Reixa

    2. Non, a maioría da xente está dacordo co de formar un partido, mais polo que se viu nas votacións, terían apoiado á xestora, a decisión foi de Quin e el saberá as razóns.

    3. Si, a vontade de permanecer no BNG é amplamente maioritaria, aínda así na nosa comarca sorprendeume a normalidade coa que se debateu durante longo tempo o tema con absoluta naturalidade. Creo non é algo desexado pola grande maioría, mais tampouco un tabú como tería sido hai uns anos.

  19. Xosé Manuel di:

    A +bng quédanlle uns traballos pendentes: o primeiro é dentro do bng, sacarlle a hexemonía a upg, por razóns de hixiiene. A segunda é fóra, trans mitir a cidadanía esa forma fresca de facer política e a terceira mudar o nome por outro máis aberto e aglutinador, o de +G non está nada mal.

  20. emiliog di:

    #7. Roi Xordo
    1. o do hino foi triste, pese a que Fil, Amoedo e mais eu nos fixemos unha foto cantando co puño en alto (debeu correr a crítica feita no blog porque eramos pouquísimos)

    3. Quintana é un grande orador, mais como dixo unha compañeira da Coruña, se tivese falado así durante a campaña eleitoral teríanos ido doutra forma (probabelmente palmaríamos igual, mais polo menos teriamos dado a guerra)

    5. as emendas ao relatorio político pode parecer que dicían o mesmo, pero traducían dous modelos de acción política ben diferentes, como se viu nas emendas posteriores ao regulamento/estatutos

    6. Eu na asemblea tamén vin tres discursos:

    a) O da xestora que é o discurso do BNG aceitado con sinceridade e explicado con detalle, en plan “non temos nada que ocultar”
    b) O de Quintana, Xosé Antón, Mariñas, que é unha versión reducida do discurso do BNG no que o noso programa é o que somos e non hai nada mais (que pode parecer o mesmo que o anterior mais non o é para nada) engadíndolle a linguaxe e as maneiras dos políticos convencionais, eliminar as referencias á esquerda, á soberanía nacional ao internacionalismo…

    c) o noso, que se pode ver nas emendas: esquerda moderna, democracia participativa e todas esas cousas que non lle interesan a ninguén.

    Se ben é certo que para a práctica política do BNG de hoxe non hai moita diferenza, precisamente para nós aí é onde está o problema, en que o día a día do BNG ten que mudar e moito.

    7. o do aspecto do Fil non esconde o ogro stalinista que realmente é.

  21. Andrés Núñez Rajoy di:

    Coincidencias- Diferencias con Antón Reixa

    No ano 77 ao igual que Antón Reixa fun expulsado da AN-PG (eu por pequeño burgués e socialdemócrata el xa o contou alí), onte iba de negro igual que Antón Reixa, os dous cubrimos a cabeza el cunha gorra eu cun chapeu, pero tamén teño diferenzas con el xa que a el cáelle o pelo e a min non, eu a el leo ou escoito e el a min non, el comenzou camiños novos eu seguín nos mesmos (a agricultura) e el abandonou a militancia e eu non; e por eso onte estaba de cumpleanos, era a segunda vez na miña vida que entraba nesa aula, a primeira foi hai 32 anos que por estas datas xuntámonos alí a constituir o POG (Partido Obreiro Galego) xentes que viñamos da AN-PG, do MC, da Liga, da APG, coma onte víñamos de distintas procedencias. A vez segunda que entrei nesta aula foi onte . Quintana falou do seu pasado, do bo e do malo, eu teño que lembrar que houbo máis nacionalismo que o BNG, que traballou moito e duro facendo moitas cousas sendo a máis relevante a tan defendida agora Lei de Normalización Lingüística, da que moito se queren apoderan pero o agromo saíu do traballo que facíamos no Parlamento.
    Porque conto esto? Pois porque me amola moito cousas que xa comenzo a escoitar respecto ao de onte, xente que lle pon chatas, opinións que discuten unha coma ou un punto e aparte. Onte salín contento, asumindo as teses alí aprobadas (que por certo se parecían moito ás de fai 32 anos) e en vez de falar o que hai que facer agora é traballar e en vez de pensar en atacar/destruir algo ou a alguén comencemos a abrirnos á xente, a ver o que a xente quere e actuar.
    Tamén estou contento porque neste barco hai xente coma Carlos Aymerich, Teresa Táboas, Antón Reixa e outros e outras que me encantou ver coma compañeiros deste viaxe que comenzamos e que ven a Galicia como o que é, e permitídeme usar o vello eslogan do PSG: Unha Terra, Unha Xente, Unha Fala. A traballar.

    PS.- Por fin púxenlle cara a Filipe 10 & Cia

  22. filipediez di:

    #21 Andrés Núñez Rajoy: Espero que a túa decepción non sexa coa redactores deste blog, pois se ben mantivemos posturas que foron derrotadas, aínda nin sequera fixemos pública a nosa análise.

    Persoalmente, concordo co que di Emilio: o resultado da Asemblea de onte é positivo en moitos aspectos, pero a algúns resúltanos insuficiente noutros. En calquera caso, creo que non debemos ver como un problema a ausencia de unanimidades e que debemos dar unha marxe de tempo para ver como se decantan as cousas na práctica, tanto na actuación de +BNG como na súa capacidade de incidir no rumo do BNG.

    Ademais, se non me equivoco moito, o que desexaba a imensa maioría das persoas que hoxe estiveron en Compostela era constituír un ámbito político (corrente ou partido, con esta definición ou con aqueloutra) onde se poida traballar, discutir e mesmo discrepar cordialmente, nas antípodas do ambiente tenso e enrarecido que se respira no BNG. E nese sentido, creo que a Asemblea de onte marcou un punto de inflexión moi esperanzador.

    Só discrepo de ti nunha cousa: hai moito que traballar -algúns levámolo facéndoo hai tempo, e podes contrastalo coa xente da Coruña-, pero iso non debe entenderse como un obstáculo para o diálogo e a discusión en termos construtivos; ao contrario, a reflexión e a acción deben ir da man, e un bo nivel de debate serve para estimular a participación e, consecuentemente, o traballo político. E isto vale para +BNG e para todo o BNG.

    Saúdos e unha aperta.

  23. Lois di:

    Con xentiña coma Antón Pérez Lema tedes os días contados.Mais BNG dereita ao servizo do empresariado galego (capitalistas que queren vivir do traballo dos galegos e dos seus impostos)
    A outra historia e aver se botades unha man para acabar de liquidar a organizacion autonomista na que vos convertichedes

  24. qwerty di:

    Aos próceres do Quinigá: Espero que agora que recoñecedes explícitamente a vosa condición de axentes dereitizantes da organización, non enganedes a tantos despistados cos vosos cantos de serea cargados das tan vacuas consignas de “apertura á sociedade”, “século XXI” e demais chorradas. Para practicar as ditas consignas dentro do marco autonómico que acabades de declarar inamovíbel xa tivo un que me sei eu catro anos, cos estrepitosos resultados coñecidos por todos. Si, ese que emerxe agora das catacumbas para explicarlle á soldadesca como chegarlle á xente. E aínda hai quen o segue tragando, País…

  25. gandalf di:

    1. Non convidar oficialmente ao BNG e non acoller unha intervención de clausura do Portavoz Nacional do BNG lexitima as acusacións de rupturismo. Non recoñecer a lexitimidade democrática (de maio de 2009, non fundacional) do BNG e do seu Portavoz Nacional tira por terra calquer proclama democrática e pluralista. Ademais de crear un precedente para outros faceren o propio con outros cargos orgánicos e institucionais do BNG (p.ex. membros da Executiva ou portavoz parlamentar).
    2. Constatar a existencia dun debate ‘con normalidade’ sobre a división do BNG e a creación doutra forza política é moi triste. Hai mellores xeitos de liberarse sicoloxicamente das frustracións. Por exemplo, xogar ao futbolín é unha delas (aínda que non tivesen este fin as vosas partidas). Mais o nacionalismo galego e o BNG non son un xogo.
    3. O discurso de Quintana asumido por Aymerich sobre o programa oculto evidencia que a única vocación transformadora dalgúns é a respecto do BNG, mais non a respecto da sociedade. O que non gusta é o BNG, o demais é o que hai. Creo que a combinación de proxecto estratéxico soberanista e transformador con programa e práctica política adecuada á realidade presente e ao estado de conciencia social é intelixente. Un patrimonio esencial da rica e orixinal teoría política propia do nacionalismo galego.
    En fin, estas posicións evidencian que no conflicto actual do nacionalismo hai bastante máis que un problema de formas ou de prácticas internas. Hai unha proposta de ‘agiornamento’ ideolóxico-político. Difundir prexuízos, banalizacións ou caricaturas doutros posicionamentoa ideolóxicos bastante fundamentados e matizados, non vai server para xustificar unha redefinición do proxecto nacionalistas en termos total ou parcialmente ensaiados na nosa historia (PNG-tripartito, PSG-EG ou Quintana-bipartito).
    Permitide este contributo construtivo á análise, feito desde a convicción de que o BNG debe chegar colectivamente a un proxecto e a un programa político compartido que hoxe non ten (compartido, enténdase). O esforzo de análise, o debate, será útil se se dá entre todo o BNG. Reafirmarse e alonxarse entre partes terá nula pegada positiva na historia. E deixa ideas válidas e ilusións na cuneta. Claro que sempre queda o futbolín. Moito mellor que o surrealismo dos resentidos: estamos en guerra pero hai que reflexionar.

  26. carmela di:

    Aos 23 e 24

    Unha mentira por moitas veces que a repitas segue a ser unha mentira.
    Imos ver cando falades de dereitizar a organización referidesvos a modernizar a organización. Deixar de ser unha organización con tintes militares teledirixida por un grupusculo oscuro que vive no seu planeta. Se a iso lle quederes chamar dereitizar…pois vale. Danos igual

    No fondo e na práctica o BNG nunca fixo políticas próximas o comunismo. En calquer concello, na Xunta etc. As políticas foron sempre de corte socialdemócrata. Por tanto non hai nada que dereitizar nese sentido…Eso si despois lanzar cantos de sirea tales como a posta en escea, criticas aos compañeiros (dereita o servizo do empresariado) etc para intentar arreglar a esquizofrenia que xorde da inchorencia entre a teoria e a practica.

    O que hai é que borrar democráticamente falando a eses suxeitos oscuros que non queredes que o BNG sexa hexemónico en Galiza.
    Seguide ladrando, que nos seguimos cabalgando.

  27. qwerty di:

    Pois ti dirás o que queiras Carmela, pero eu entre ese BNG que vós esbozades e un PSOE en galego vexo pouca máis diferenza que as siglas.

  28. qwerty di:

    Vaites, non lin o último apartado do teu comentario, Carmela. Postos a falar de borrar democraticamente, deberías mirar de non cuspir para arriba, non hai tantos meses que a militancia falou claro sobre o asunto con nomes e apelidos.

    Por outra parte, a máxima incoherencia na teoría e na práctica que vin nos últimos tempos fui oir defender abertamente a extinción dos partidos do BNG (e porén do BNG tal e como o coñecemos), para pasar a oirlles en poucos meses discutir se optaban por constituirse en corrente ou ben en partido. Por desgraza todo parece lexitimarse polo feito de provir dese conglomerado con tintes de lobby que xurdiu ao calor do fracasado Quintanazgo. E cando digo fracasado é en termos políticos, pois nel acho que se inseriron persoas de extrema valía con moito que dicir no presente e no futuro do BNG. Máis é un feito constatado que o único que se conseguiu en 6 anos que tivemos de marxe para poñer en práctica toda esa retórica -na teoría e na práctica- fui cedermos 5 deputados. A militancia decidiu que por ese camiño íbamos mal, e por iso ante o discurso da “erradicación” de partidos escolleu a pluralidade, ante as apostas pola renuncia ideolóxica optou por manter os principios que sempre nos caracterizaron como formación galega, nacionalista e ao servizo do pobo, e un longo etcétera.

    A obsesión recurrente con determinadas persoas ou partidos non penso pararme nin a comentala, paréceme unha bravuconada infantiloide sen maior transfondo.

  29. qwerty di:

    Remato dicindo que con toda esa retórica catastrofista non lle estades facendo ningún ben á organización, que é un proxecto colectivo que abrangue moito máis que as 300 almas que tivéstedes a ben asistir a esa reunión de +BNG, por moito que tomara o nome do proxecto como propio (e parece que así seguirá sendo), este empeño en usar plataformas mediáticas masivas para promover intereses que afectan a unha ínfima parte da poboación e mesmo do proxecto colectivo paréceme obsceno para con moitos miles de persoas que día a día, porta a porta como se adoita dicir, nos estamos deixando esforzo, tempo e diñeiro para poñer un gran de area máis no futuro deste proxecto. Cada cal coa súa consciencia, pero eu tomo nota.

  30. Amarante di:

    Cambiando de tema. ¿ E a fusión das Caixas ?. Tema de especial trascendencia e que ata agora non se falou del neste blog. Sería interesante. Sobre todo para comprobar que na posición política do BNG priman en exceso os intereses do aparello sindical da CIG, que non é outro que o vector dominante na UPG e, mágoa delo, tamén no BNG.

  31. filipediez di:

    #30 Amarante: Está na axenda para esta semana. Por certo, en Feijoomente saíron cousas ben interesantes sobre este transcendental asunto.

    Agradecemos o nivel de esixencia como unha mostra de confianza, pero non esquezades que isto é un blog e non un xornal, polo que tampouco podemos estar a todo. Por iso mesmo -entre outros motivos- aceptamos gustosamente as vosas colaboracións ;)

    Saúdos.

  32. ohomequerrí di:

    Xa tiven ocasión de falar con algún dos bloggers á saída da Asemblea sobre isto que vou apuntar.
    1-Quintana -moi só durante toda a asemblea- é un home intelixente. Buscou un sitio entre os oradores, deixouse ver, e por se acaso lograbamos dunha vez quitarnos derriba o alcume de quintanistas que nos deu LVG,propiciou que mesmo no xornal ao día a seguir se lle tomase mesmo por membro da coordinadora. Non sei por que ou para que, pero quere seguir vivo politicamente e buscou un altofalante acaído para cumprir os seus obxectivos: “Queirades que non, aquí estou eu”.
    2-Aymerich debeu tomar a palabra durante o debate das enmendas. Quin pasou para moitos -as cámaras da TVG localizárono axiña na grada e moito antes de subir ao estrado coma o verdadeiro ideólogo do invento). Faltaronlle reflexos.
    3-Cando se crea unha formación política (partido, corrente, o que queirades) hai que ter en conta que as mensaxes principais deben ir dirixida á cidadanía, polo que faltou imaxinación (o das listas abertas si era, por exemplo, un activo importante). O núcleo da asemblea foi definirmonos dentro do BNG como esquerda non dogmática, pero esa mensaxe só ten o seu público dentro de ou para quen coñece minimamente a organización. Pensade que para a meirande parte da cidadanía o BNG xa é -malia que os seus textos se resistan a recollelo- unha formación nacionalista de esquerda. Que novidade pode percibir a xente na nosa proposta? Para moitos – e falo dos que tiveron noticia da asemblea pola prensa- o único que fixemos foi postular un novo polo de poder no BNG, pero sen crearmos, mais alá do talante, nada realmente novo. Como queira que o talante só pode predicar das persoas, e non tanto dunha formación ou corrente, o que nos faltou, se cadra, foi o suficiente valor para formular propostas realmente anovadoras, ofrecer produto -e non caras, aí está Quintana para borrar ou cando menos difuminar a dos demais-, isto é, ofrecer á sociedade unha proposta que non pareza, tan só, a de buscar o reequilibrio da organización.
    4-Polo que vin, en +BNG hai xente formada, imaxinativa e, por riba de todo iso, inconformista. Imos conformarnos co do sábado?
    Un saúdo a todos.

  33. monte di:

    Leendo algúns parecería que a upg non estivo no goberno da Xunta no bipartito, e carrallo se estivo! mira que non caciquearon na xunta e nos seus entes paralelos…que nos coñecemos todos!!! eso si, o fracaso pa Quintana. Pero os postiños para os de sempre, menudo rostro tedes upgosos!

  34. faneca di:

    Mágoa que proxectos como este nazan medio mortos. Xa o POG, ao que alguén se referíu, naceu medio morto e de facto morreu. Todo o día buscando a modernidade e onde está/ba
    a) En quitar a estrela
    b) en quitar a bandeira
    c) en quitar Galiza.
    POBRES OBREIROS GALEGOS!

    Menos mal que Reixa é tan moderno que sempre pasou do BNG, até que o contrataron para facerlle o NO-DO a Quintana: a solución moderna marchar do Bloque e montar un partido.
    Consellos para a modernizacion do BNG ( se non marchamos):
    1- Galicia Caníbal Hino nacional.
    2- O 25 de xullo nada de manifestación: agora unha campus party.
    3- Nen galego, nen español: linguaxe binaria.
    4- A asemblea nacional para o 2010 porque no 2012 acábase o mundo e xa é tarde!!!

  35. Bávaro di:

    #29 Eu escarállome qwerty, escarállome ben escarallado.

    Unhas cantas observacións:

    1º Carmela leva razón nunha cousa que é algo que todos sabemos. Na organización fálase de loita de clases, da Gloriosa Revolución Cubana, emprégase o marxismo como sistema de análise… e cando se toca poder (en todos os ámbitos) fanse políticas socialdemócratas.

    Esas políticas socialdemócratas, o PSOE está nun plano moito más social-liberal, consisten na aposta decidida polos servizos públicos, a economía produtiva, pola intervención pública das institucións… viuse perfeitamente ao longo da acción gobernamental do BNG (BanTeGal, Servizos Sociais, Normas do Hábitat…). Todas esas medidas foron promovidas por xente do BNG, tamén por xente da UPG, e, portanto, son de tod@s nós aínda coas chatas que se lles poida poñer á obra. É máis, eu penso que son boas medidas e que é ese camiño o que debe seguir o BNG.

    Ora, se algúns pretendedes rexeitar a acción no BNG no Goberno por estar dentro do sistema capitalista, ou algo así, dicídeo e aplicade o socialismo real aos concellos que gobernedes e tamén ás deputacións, entón daquela veremos o que os galegos prefiren. Poderemos comparar obxectivamente: políticas dereitizadoras vs socialismo real e que é o que a xente quer. Porque o que fixo o BNG no goberno é resposabilidade de todas as correntes e sensibilidadades desde a U até o PNG.

    Aínda que non sei a proporción de cargos do BNG da U, penso que até podería dicir que o marxismo-leninismo tivo moita mais presenza entre os cargos do Goberno.

    2º En +BNG, nen hai próceres nen hai Quintanismo. Non hai máis próceres ca noutras correntes ou partidos, nen tampouco a pegada de moitos dos seus membros é maior ca en calquera outro sitio.

    3º Vácuas consignas? Consignas son “Galiza Ceibe, Poder Popular”, “Cuba si, Ianquis non” ou a última que sentín na clausura de GZ Nova: “Pola Reunificación de Chipre”. Non o digo eu, e que son berradas até morrer, mais na práctica non se ve nada.

    Se queres podemos debater sobre o que significa abrirse á sociedade ou sobre o que quer dicer que estamos no Século XXI (engado: despois da feliz queda do muro de Berlin).

    4º +BNG será, por agora, unha corrente. Mais para min non é incoherencia ningunha converterse en partido para eliminar os partidos. En todo caso é unha síntoma de que algo non traballa ben nun partido no que un grupo de militantes amplo de maneira individual non pode mudar cuestións relativas á organización sen faceren parte dalgún partido ou grupo de presión, ou, nomeadamente, do grupo de presión supremo.

    5º O BNG NUNCA perdeu 5 deputados. O BNG NUNCA superou os 13 deputados. Pensar que os 18 se conseguiron porque fomos de supertroskis e non porque a outra alternativa ao PP non existía e porque o noso líder era carismático, é non querer ver a realidade.

    Non vou negar que houbo desencanto co BNG, mais rexeito iso de que o BNG perdeu 5 deputados en 8 anos.

    Agardo que teñas tomado nota.

  36. Seguramente menos BNG (porque vós sodes os +) di:

    Moi bo, faneca.
    Mimadriña! Menudo caixón de xastre! Con tódolos respectos para o individualismo, do que son o primeiro defensor, unha organización, corrente, ou a agrupación humana que sexa, ten que coincidir en algo máis ca no caixón, esto é en estar en contra da UPG dun xeito máis ou menos fanático. Dende o Reixa, que probablemente teña toda a razón e o que il defende, se non mudamos as actitudes, fose o mellor para todos e o menos traumático a longo prazo. Ata Pérez Lema, que só lle falta pedir que se institúa o crucifixo obrigatorio en toda asemblea de +BNG. E o curioso, o que define a pouca cohesión, é que se lle aprobe unha emenda de supresión do termo esquerda e se lle rexeite outra no mesmo sentido.
    Que o Quin é un grande orador, xa hai ben tempo que o sabemos todos. Un grande orador baleiro, capaz de afervoar ó público durante media hora co que outros oradores, o Carlos incluído, liquidan en tres frases. Endexamais esquezades de metelo na mala cando vaiades dar oracións por aí. Como atrezzo é imprescindible.
    Como ben sei que me ides botar os cans, xa vos aviso que non son da UPG, que sempre me tivo enfronte no seu dogmatismo e a súa inquebrantable disciplina de voto. Así que escusades atacarme por esa banda. Pero permitídeme que vos diga que +BNG non é mellor e que neste preciso momento, nesta puta circunstancia que nos toca vivir carrexada con toda vontade por algúns e da que inda non se depuraron responsabilidades, nin se depurarán porque unha perna tapa á outra e tanta culpa tedes uns como os outros, está a facer máis dano ó conxunto. Engado que o marxismo pásomo polo forro dos collós, como me paso as mexapiadas do PNG. Comeduras de tarro, as menos.
    Faime gracia lembrar algúns comentarios de moitas xentes que agora militan no caixón sobre algúns dos seus hoxe compañeiros de travesía. Sobre Quin, na campaña das eleccións que non o elixiron senador e despoixa fixémolo por designación automática, quero dicir autonómica: “A ver se sae. Así mandámolo pra Madrid. Xa podía ir pra Bruxelas. Canto máis lonxe mellor”. E frases polo estilo de quen hoxe bebe do que mexa o alaricán. Do PNG: “Non. Se ises cando teñen asemblea xeral xúntanse na mesa dunha cafetería”. Do máis suave ouvido a quen hoxe é compañeiro de viaxe. E con ises paus ides armar o telderete? En fin, sorte.
    Só unha cousuca, como exemplo de todo ben que lle estades a facer hoxe á organización da que formamos parte, inda que algúns o teñamos máis asumido ca outros. O artigo da POST DATA do Xornal de hoxe, sobre o cristo das caixas, remata así: “E a dirección do BNG, malia as advertencias de +BNG, corre o risco de ser utilizado (sic) con descaro por quen necesitan camuflarse agora de galeguistas, que manda carallo”. Repásome a postura oficial do BNG a respecto do tema e resulta que non só di o que o artigo, senón que vai máis alá, deixando caír a responsabilidade do PSOE en armar a danza toda ó aprobar o decreto do FROB. A viabilidade en solitario das caixas galegas demóstrase cos beneficios do último exercicio, pero os ‘socialistas’ queren que gañen máis, que fagan EREs e pechen sucursais. Pois ben, gostariame coñecer esas advertencias de +BNG e onde llas facedes ó BNG, se no bar ou así, porque se mal non recordo, na última Asemblea (xa Congreso. Gracias, machotes e machotas) obtivestes sete dos quince membros da executiva nacional. Ou é que van de morros, non van, están pero ausentes?
    Dáme pena, porque esto estase a levar ó terreo do persoal e vexo a amigas e amigos dándose de navalladas con amigas e amigos, cando todo se pode falar e, a un que está no medio, tócalle lembrar as palabras que dixo un compañeiro durante a primeira reunión de +BNG na miña comarca, previa á elección de delegados, durante unha escapada para fumar: “Tanto UPG nin UPG. A UPG só manda o que nós lle deixamos mandar.”
    Ala, a botarme os cans, que non retiro unha palabra.

  37. caralladas76 di:

    #32 moi bo, ohomequerri. Eu non me conformo có do sábado, eu quero máis, moito máis. Pero o conto non rematou. Agora é o que hai, toca traballar, e xa veremos cómo van indo os acontecementos.

  38. m di:

    Eu aguardava algo mais da assemblea, realmente eu só vejo mais do mesmo, nom aturava a Quintana (e a sua moderaçom mal entendida) no governo, menos agora, seja que procurou ele o protagonismo ou seja que formava parte da ponencia é-me o mesmo.
    O resultado final da assemblea e dos textos vem sendo continuar a política que se fixo no governo, que para mim deixou muita gente na casa, sem convencer os que nom estavam já convencidos.
    Assim nom vejo saida
    Vou deixar de opinar bo Blog por um tempo que me enveneno :-) )
    Bom trabalho o do blog, isso sim que é uma novidade, mas com todos os respeitos nom deixa de ser mais forma que fondo, no sentido de que a política de +bng parece seguir “as usual”.
    um saudo

  39. Roi Xordo di:

    Arestora a UPG sufre un complexo problema de amnesia e dobre persoalidade que a obriga a pasar polo diván.

    O importante é que non nos tolee ós demais. Que abondos problemas nos ofrece xa o “mundo real” para por riba ter que sufrir os problemas imaxinarios de mundos virtuais inexistentes.

    Viva Galiza Ceibe e Socialista, e unha aperta nacional-popular a tódolos camaradas (paseinas putas para escribir isto, non por nada ¡eh!, senón porque o fixen co puño dereito en alto e escribín a un só dedo coa man esquerda entrementres tarareaba a internacional; porque son máis roxo ca todos vós xuntos).

    PS.- E bebo Galicola, malia o mal sabor que ten.

Deixa unha resposta