Seminario en Bruxelas sobre activismo político na rede (I) – Resumo
14 novembro 2009O pasado 11 de novembro, un dos redactores deste blog fixo parte da delegación galega que participou no seminario "Activismo político na web. Como xerar debate político en internet" organizado polo grupo Os Verdes/ALE en Bruxelas, cidade que durante esta semana foi sede das sesións do Parlamento Europeo. Este é o resumo desas xornadas, posibles grazas ao convite de Oriol Junqueras (ERC) e ao empeño de Ana Miranda (BNG).
Día 10 de novembro - Viaxe de ida e coordinación
Xornada de viaxe en grupo, primeiro en autobús até o Porto e despois en avión a Bruxelas. Ciompoñen a delegación galega os xornalistas Xosé Manuel Pereiro (El País), Marcos Pérez Pena, Xurxo Salgado (Galicia Confidencial) e Fernando Arrizado (Vieiros); os bloggers Manuel Martínez Barreiro, Antón Baamonde, Xabier Pérez Igrexas e Filipe Diez; o activista político Manuel Santos; e a creadora cultural María Yáñez. Dedicamos o día a trocar as primeiras ideas e a pór en común a nosa actuación no seminario do día seguinte, tarefa culminada xa en Bruxelas coa inestimable coordinación de Ana Miranda. Na soirée, incorporouse ao grupo Oriol Junqueras, que mantivo unha animada conversa e troca de impresións connosco.
Día 11 de novembro - Seminario no Parlamento Europeo, visita á institución e encontro coa comunidade galega
1. Seminario. Despois da presentación de Oriol Junqueras (ERC), chegou o turno das ponencias, que foron estas:
- O blogging como ferramenta para un debate europeo (Rina Tsubaki). A ponente explicou a experiencia de Think About It!, un proxecto nacido en Holanda para fomentar o debate sobre a construción europea a través dos blogs. O formato adoptado é o dun concurso, que actualmente está a cumprir a súa segunda edición.
- O xornalismo como catalisador de iniciativas sociais (Martí Crespo). O ponente expuxo a experiencia do xornal dixital catalán Vilaweb, nacido en 1996 como un medio independente a respecto dos grupos editoriais tradicionais e que serviu de inspiración para o noso emblemático Vieiros. Enumerou os ingredientes da receita de éxito de Vilaweb, que resumiu en catro factores: o pioneirismo tecnolóxico, a aposta por un marco nacional propio, a definición dun modelo xornalístico serio e a complicidade cos lectores.
- O Partido Pirata, o éxito da política na web (Christian Engström). O eurodeputado do Partido Pirata sueco explicou a traxectoria deste grupo político, nacido en internet, que non dispón dunha infraestrutura física e que conseguiu un escano no Parlamento Europeo grazas ao 7% de votos colleitado. Os principios políticos que defende o PP sueco (que diferenza co PP español!) son o dereito á privacidade e á libre información como elementos esenciais nunha sociedade da información, a reforma das leis de propiedade intelectual e unhas relacións sociais máis democráticas e transparentes. O PP sueco é unha organización completamente horizontal, onde todo simpatizante é considerado militante e participa na tomada de decisións, tanto electronicamente como no encontro presencial que celebra con carácter anual.
- Pausa para un brunch, despois da cal o independentismo catalán presentou un libro sobre a manifestación que hai uns meses realizaron en Bruxelas. A partir da volta á sesión, Ana Miranda (BNG) substituiu Oriol junqueras como condutora do seminario.
- A blogosfera galega: construíndo, desde a esquerda, a lingua e a nación (Marcos Pérez Pena, Xabier Pérez Igrexas, Fernando Arrizado e María Yáñez). Marcos Pena realizou unha introdución xeral sobre a blogosfera galega, desde a súa eclosión en 2002 coincidindo co movemento cidadán provocado polo desastre do Prestige até os seus contornos actuais, sinalando tanto os problemas (escasa infraestrutura e pentración social, desconexión física da trama urbana galega, ausencia do galego nos medios de masas, partidos políticos offline) como os logros (presenza masiva da mocidade, alto grao de uso do galego, consolidación de medios alternativos). A seguir, Xabier Igrexas defendeu o papel de internet como ferramenta para alargar procesos de mobilización social, centrando a atención no ciberactivismo lingüístico, ilustrado cos exemplos da Ciberirmandade da Fala e de Blogues pola Lingua. Fernando Arrizado, pola súa banda, presentou a experiencia de Vieiros, o principal xornal dixital galego, pensado para pensar o mundo desde Galiza e proxectar o noso país no mundo. Por último, María Yáñez discursou sobre os desafíos que internet presenta para o activismo político, que resumiu en aprofundar no uso das ferramentas online, converter as ideas en accións e promover o diálogo cara fora, incluíndo a internacionalización dos debates.
- A blogosfera escocesa e a campaña polo dominio .scot (Davie Hutchison e Christian Jones). Os ponentes presentaron a situación da blogosfera política escocesa, que caracterizaron como un contrapoder fronte a unha imprensa de masas moi pouco plural, e centraron a súa atención na reivindicación dun dominio propio para Escocia, o .scot, demanda compartida por galegos (.gal), bascos (.eus), galeses (.cym) e bretóns (.bzh), e xa conquistada polos cataláns (.cat).
- A osonosfera, un exemplo de comunidade virtual comarcal (Enric Xicoy). A ponencia versou sobre a experiencia da comunidade virtual articulada na comarca de Osona (capital Vic), que integra a información, a indexación de todos os blogs de temática local e a promoción de actos públicos presenciais de carácter cultural, social, político ou veciñal.
- A blogosfera flamenga (Theo Francken). Despois dunha detallada exposición sobre os trazos definitorios da blogosfera flamenga (curiosamente, máis numerosa en Bélxica que en Holanda), o ponente centrou a súa atención no papel dos blogs políticos como contrapeso á imprensa tradicional, ideoloxicamente moi pouco plural. Este papel de "contrapoder" foi un argumento común aos casos galego e escocés.
- Características da blogosfera sueca (Henrik Alexandersson). Este artista e blogger sueco, que se identifica co Partido Pirata e se autodefine como libertario, trazou un retrato da blogosfera sueca, moi plural en temas e moi abranxente canto á súa penetración social, mais dominada pola lingua inglesa -aínda que, nese sentido, o propio Alexandersson é unha excepción, xa que publica o seu blog en sueco.
- Máis democracia: Politika 2.0 (Paul Ríos). O ponente, membro da rede cidadá Lokarri e redactor do blog Politika 2.0 (visitas recomendadísimas, por certo), fixo unha interesante exposición sobre o papel da rede como elemento de democratización da vida social grazas á facilidade para a incorporación da cidadanía aos debates, superadora da mediación partidaria.
Os membros da delegación galega foron sen dúbida os máis activos, como así recoñeceron os responsables da organización do evento. De feito, todos os representantes galegos interviñeron na sesión, ben como ponentes, ben como debatedores, algúns até en dúas ocasións, mesmo a pesar do pouco tempo disponible. Tamén foi dun membro da delegación galega a proposta de resolución que respondía aos anceios expresados por varios participantes, e que recebeu unha unánime boa acollida, mesmo sen chegar a ser sometida a votación: nela, ínstase a abrir canais de información e análise sobre política europea nos espazos dos particpantes, a promover a constitución dunha comunidade de discusión política internacional e a que desde o grupo Os Verdes/ALE se constrúa unha rede de intercambio de información a través da web.
2. Visita ao Parlamento Europeo. Recibimos unha charla sobre as institucións europeas, seguida dun coloquio onde cataláns e galegos protagonizaron as intervencións.
3. Encontro coa comunidade galega residente en Bruxelas. Na librería Orfeu, dedicada á literatura portuguesa mais que tamén abre espazo á cultura galega, celebrouse un dos actos máis enriquecedores para a delegación galega, consistente nunha charla-coloquio coa comunidade galega en Bruxelas. Unha comunidade, xusto é dicilo, cun nivel de cualificación profesional e intelectual, cun compromiso co país e cunha visión progresista e galeguista realmente dignas de louvor. O debate producido nese encontro foi o punto de maduración dunha idea que xa viña sendo discutida desde as primeiras horas de autobús: a conveniencia de crear un instrumento conxunto e plural de debate político na esquerda nacional galega. Todos os intervinientes estiveron de acordo coa iniciativa, que xa está a xestarse e da que en breve esperamos poder dar boas noticias. Despois do coloquio, unha parte dos asistentes participou na cea xunto á delegación galega, permitindo aprofundar no coñecemento mutuo. A Andrés, Adriana, Emma, Xavier, Manuel, Lute, Silvia, Eva e a tantos outros (que encheron a librería até case transbordar), todos os representantes da delegación galega debémoslle un dos mellores momentos da viaxe.
E a Ana Miranda, debémoslle a súa constante e sempre amable presenza, os seus desvelos e o seu impagable labor de coordinación. Pero diso falaremos máis nun próximo post, dedicado ás conclusións sobre este evento.
Día 12 de novembro - Mañá de paseo, último xantar conxunto e viaxe de volta
Despois dun mércores de San Martiño cheo de actividade, o xoves houbo unhas horas de folga, dedicadas a dar un paseo en grupo, basicamente co obxectivo de degustar waffles, comprar chocolate e dialogar. Despois, xantar no aeroporto con Ana Miranda e viaxe de volta. E chegada ao lar, cansados, pero satisfeitos polo bo labor realizado e por ter contribuído a transladar unha boa imaxe de Galiza no exterior: unha Galiza moderna, inquieta, inconformista, plural, crítica e con puntos de encontro que deben ser explotados. A Galiza que queremos e que xa estamos a construír. A Galiza que temos que alargar. A Galiza que debe ser o referente do BNG, para que o BNG poida ser o referente desa nova Galiza que vén, que xa está aquí, que nos interpela e nos dá sentido.
15 novembro 2009 ás 7:48 pm
ANUNCIAN-SE PURGAS!!!
Por comeres waffels, alimento impio!
Mira que voltar a Bruxelas para pecar!
15 novembro 2009 ás 11:15 pm
Camarada Escrivao, estamos contigo! A Asociación Ramón Mercader de Amigos do Alpinismo sempre alerta aos teus chamados, especialmente cando de purgas se trate!
A saber que porcalladas fixo o Ordinario da Bahia co Manneken Pis!
16 novembro 2009 ás 3:04 am
Eu quédome con ésto:
“O PP sueco é unha organización completamente horizontal, onde todo simpatizante é considerado militante e participa na tomada de decisións, tanto electronicamente como no encontro presencial que celebra con carácter anual”.
Toda aportación suma.
19 novembro 2009 ás 9:40 pm
Hola Filipe,
Apunt i bloc molt interessant. L’he enllaçat al meu (http://francescponsa.blogspot.com/) on vaig escriure aquesta entrada: http://francescponsa.blogspot.com/2009/11/blocaires-europeus-de-nacions-sense.html
Per cert, al paper dels perfils dels participants gallecs que em vas donar vaig llegir que estaves fent una tesi sobre literatura gallega i portuguesa. Jo sóc autor d’un llibre sobre Saramago titulat “De la ceguesa a la lucidesa: la literatura d’idees de José Saramago” (http://tuetscabrils.blogspot.com/2009/06/es-presenta-de-la-ceguesa-la-lucidesa.html) i si em dones una adreça teva et faré arribar un exemplar.
Una abraçada,
Francesc
19 novembro 2009 ás 11:35 pm
Hola, Francesc. En aquest bloc es tracten només assumptes del BNG, però estic començant un bloc personal on parlaré de política europea, literatura i altres coses que m’ interessen personalment i que ultrapassan l’àmbit partidari. Serà un plaer enllaçar el teu bloc i els d’altres persones amb interessos similars.
Academicament, la meva àrea d’ investigació és la poesia portuguesa del segle XVIII, però m’encanta Saramago i tindré molt gust en donar-li un cop d’ ull a la teva tesi.
Una abraçada,
Filipe.
P.S. El meu e-mail es filipe.diez@gmail.com (per a l’ adreça).