Arquivo vivo
8 de Novembro de 2010Unha semana despois do óbito deste blog, cando xa case completou o seu tránsito a mellor vida, abrimos o testamento, que di o seguinte:

Fonte orixinal da imaxe
(con texto que vén moi ben ao caso)
Os autores do blog «Renovar o BNG» cedemos todo o seu legado ao dominio público. Os bens doados inclúen:
- O arquivo completo do blog orixinal, cuxo contido (posts, comentarios, páxinas, categorías, etiquetas e lista de ligazóns) será mantido integramente á disposición do público.
- Os documentos publicados na nosa conta en Scribd, que suman máis de 12.000 lecturas en 13 meses de actividade e que, iIgualmente, serán mantidos ao libre acceso do público.
- O blog Novos camiños, no cal encontraredes todos os vídeos da xornada de debate Novos camiños para a esquerda galega, ben como os respectivos textos dos relatorios. Recomendamos -e moito- a visita.
Até sempre!
Até breve!
[EDITORIAL] Cara ás rochas
1 de Novembro de 2010Hoxe chega ao fin unha singradura comezada hai case vinte meses, e toca facer balanzo. Cando levamos as áncoras, éramos bos coñecedores das augas nas que estábamos prestos a adentrarnos, pero como en toda viaxe novidosa, descoñecíamos que ventos poderían alterar o rumo previsto, que compañías encontraríamos no noso navegar e cal sería a bagaxe que no fin albergarían as nosas bodegas. Se o mesmo Odiseo estivo á mercé dos elementos e do destino, non iría ocorrer de xeito diferente con nós.
I. A travesía: o blog
A pesar de sermos xente inconformista, o certo é que a sensación que o blog nos deixa é de satisfacción polo traballo feito. Cun navío sinxelo e unha tripulación escueta, conseguimos moito máis do que nos propoñíamos, que non era outra cousa que conseguir congregar a bordo os mariños que, nun ou noutro porto, esperaban en terra mais coa vista posta no horizonte. O primeiro motivo de satisfacción provén do feito de termos sido fieis a nós mesmos, pois fixemos exactamente o que nos propuxéramos, inmunes ás presións recibidas por babor e por estribor: durante o seu tempo de existencia, este blog foi -dito sexa sen a menor pisca de soberbia- o principal e o máis fértil foro de discusión sobre o BNG e sobre o nacionalismo galego, capaz de abrir debates de fondo sobre o modelo político e organizativo, de contribuír a unha redefinición estratéxica do discurso nacionalista, de marcar a axenda política do BNG, de compartir propostas e análises rigorosas, de aglutinar e dar voz á militancia crítica e, por riba de todo, de democratizar a información e manter acesa en moita xente a esperanza de que un outro nacionalismo é posible. Outra razón para a satisfacción surxe de ter superado as metas antevistas: isto foi así até tal punto que nos vimos obrigados pola propia audiencia a asumir unha función de órgao de comunicación informal de todo o BNG, incrementando o nivel de esixencia e a carga de traballo, pero ao mesmo tempo alargando os ámbitos de recepción e de influencia e posibilitando facer novas amizades, o que sen dúbida é un dos logros que máis nos alegra.
O certo é que o blog pecha as súas portas cando se encontra no seu punto máis alto, e preferimos que así sexa. Non nos referimos só aos aspectos cuantitativos de audiencia, xa que non é hoxe día para facer alarde de cifras, senón sobre todo aos cualitativos: mesmo con toda a animadversión que contra nós crearon moitas das persoas que coñecen -de primeira man ou de oídas- este blog, é raro encontrar quen discuta a nosa credibilidade, o noso rigor intelectual e a nosa capacidade de análise. E iso, no universo cainita do BNG, non é pouca cousa para uns simples mariñeiros coma nós, sen as costumeiras patentes da potestas.
Porén, non seríamos sinceros se non recoñecésemos que a satisfacción non é completa. Non podería ser doutro xeito: en parte por erros nosos, fundamentalmente algunhas imprecisións cometidas, que se ben non lle restan valor ao traballo feito, serven como cura de humildade sempre necesaria; en parte debido ás reaccións defensivas nacidas da incomprensión, cando non do sectarismo e mesmo do rancor persoal; e en parte, tamén, por causa da recepción de moitos dos nosos escritos, ao constatar que como norma xeral -con contadas aínda que moi gratas excepcións- os posts que máis expectación despertaron non foron os relativos ás análises e propostas, senón aqueles que reflectían o clima de enfrontamento interno. Un sintoma inequívoco de que algo está apodrecendo na cuberta do BNG, aínda que sempre haxa voces interesadas en culpar o espello por devolver a imaxe da propia deformidade.
Mais o blog non pecha por tales causas, e non pretendemos furtar ao público lector a verdade, do mesmo xeito que non o fixemos até agora. As causas do peche son diversas, e poden resumirse basicamente nunha: a nosa opción por dedicarnos a novos proxectos. Proxectos académicos, culturais e comunicativos; e si, tamén novos proxectos políticos. Pola súa relevancia, tanto os proxectos comunicativos como os políticos serán os que concentren boa parte das nosas enerxías no futuro inmediato, e pensamos que deles poden derivarse máis beneficios para o país que do mantemento deste blog.
Aínda máis, porque esta ferramenta de comunicación sempre tivo un carácter profunda e eminentemente propositivo; crítico, desde logo, pero propositivo e non meramente desconstrutor. E ocorre que, na actual situación do BNG, en caso de continuarmos co blog veríamonos obrigados a realizar un inmisericorde exercicio crítico con todos e cada un dos sectores do BNG, xa que motivos sobrados están a dar para iso, sen máis diferenza que unha cuestión de grao. Perante tal panorama, preferimos pechar o blog e deixalo como testemuño dunha etapa e dunha maneira de entender as cousas, antes que convertelo nunha metralladora xiratoria, xa que carecemos por completo de vocación militar e, de térmola, o noso albo sería moi outro. Ademais, non é un sinxelo veleiro como o noso lugar propio para armas dese calibre.
II. A travesía: o BNG
Desde este blog, fomos testemuñas privilexiadas da derrota -nunca mellor dito- que tomaba o BNG desde a perda do poder na Xunta até hoxe mesmo. E, como é evidente que este editorial ficaría coxo se só falásemos do blog e non do BNG, dispómonos a compartir con todos vós unha síntese do que observamos, do que entendemos e do que concluímos sobre a deriva do BNG.
O percurso do BNG nestes vinte meses pode resumirse en catro momentos ben diferenciados: primeiramente, un período de indefinición da correlación de forzas interna, que culmina en maio de 2009 coa vitoria da UPG como maioría minoritaria e a consolidación de +G (na altura, aínda +BNG) como alternativa; a continuación, unha segunda etapa, que ocupa o outono de 2009, de aproximación estratéxica entre +G e o EI, que alumbra a perspectiva dunha nova maioría posible; a seguir, a terceira fase vén marcada pola renuncia a convocar a Asemblea Nacional en 2010 e polo confronto nas primarias urbanas, coa consabida vitoria retumbante da UPG e os primeiros sinais de desintegración en +G; e por fin, o cuarto momento, no que nos encontramos actualmente, é o definido pola inercia dos sectores críticos (+G e EI), incapaces de tomaren a iniciativa, de deteren a sangría de desercións e de definiren un proxecto que non sexa dependente da UPG, ora por diverxencia ora por coincidencia. En resumo, podemos concluír que se pechou o ciclo aberto en marzo/abril de 2009: un ciclo que puxo en xeque como nunca antes a hexemonía da UPG no BNG, pero que se salda cunha UPG máis forte nun BNG a cada volta máis débil, debido non só ás decisións do partido-guía senón tamén ao desperdicio por parte dos demais das oportunidades que lles foron concedidas.
Con isto, triunfa o proxecto da UPG, aínda que pode ser un triunfo por demais amargo e que ultrapase con moito as piores previsións que xa espuxemos no inicio da nosa andaina no post A UPG e as leccións de Pirro. Na carta náutica que manexa o comando da UPG, había un risco sinalado con trazo groso: sendo un risco, non era un penedo, senón un perigo moito máis complexo: o risco dun motín a bordo. O período de goberno producira severas tensións dentro da UPG, que debían ser reconducidas a fin de evitar unha escisión que podería dar aos trastos coa hexemonía do partido-guía non xa no BNG, senón no conxunto do nacionalismo organizado. Despois do tempo da ala posibilista, era chegada a hora de que o sector obreirista asumise o comando e ditase a liña a seguir.
Esa liña é transparente, e seguramente por iso algúns non conseguen vela: consiste en afianzar a fronte social do Movemento Nacional-Popular Galego en detrimento da fronte política, deslocando o eixo das relacións cara a un predominio da CIG e, en xeral, do sector máis ortodoxo do partido. Todo o demais é consecuencia disto: o discurso de recuperación de apoios entre as clases populares; a opción pola mobilización constante como fórmula política preferente, cando non exclusiva; a ruptura da cultura do grande pacto, para evitar que un estraño puidese interferir no rumo trazado; a escolla dun Portavoz Nacional facilmente descartable; e, por riba de todo, a contracción calculada do BNG como vector estratéxico para toda unha década.
Ese proceso de contracción aplícase tanto ao plano social, buscando unha moderada redución de apoios que diminúa a presenza nos gobernos e, con iso, o nivel de contradiccións entre a fronte política e o comando supremo social-sindical; como ao plano interno, onde se parte cara a unha estratexia primeiro de división (ruptura da maioría natural) e despois de confrontación (primarias urbanas), co obxectivo de reafirmar a condición hexemónica da UPG e de provocar o abandono daqueles que ou ben non están dispostos a aceptar as consecuencias dese dominio ou ben, ao verse privados dos espazos institucionais dos que desfrutaban na anterior división do traballo, deixan de ter estímulo para continuar.
Se a contracción requere a aplicación de métodos expeditivos, a UPG non ten o menor pudor en aplicalos, perante a indiferente pasividade dos demais en case todos os casos: desde suspender o exame de nacionalismo a novos militantes (BNG de Ferrol, Galiza Nova en todo o país) até manipular os censos (A Coruña), pasando por expedientar as minorías (Ponteareas), ameazar as maiorías (Valdeorras), chantaxear os candidatos (Vigo, Mugardos) ou queimar a base social para ter unha escusa -as malas perspectivas electorais autoxeradas- que xustifique o abandono do goberno (A Estrada). Iso, por non falar das defenestracións sectarias (Lugo, Betanzos), do uso masivo de liberados do BNG en beneficio de parte (Santiago), da indicación de candidatos que non superarían unha auditoría ética básica (Santiago) ou da absoluta falta de reciprocidade na defensa dos compañeiros (Quintana, Ourense) por parte dos mesmos que esixen o peche de filas diante dos asuntos máis fedorentos que practicou o BNG no bipartito, curiosamente todos provenientes do mesmo lado.
Este cálculo da contracción programada do BNG só ten -ao lado das innegables vantaxes que proporciona a cohesión interna da tribo- dous inconvenientes, se ben que non menores: (i) que a contracción nos apoios electorais sexa maior que o previsto, o que pode redundar nunha perda de influencia que a CIG e Queremos Galego sexan incapaces de absorber e equilibrar; e (ii) que a crenza determinista -e antihistórica- de que é inviable organizarse á marxe da UPG se mostre errada, se unha nova xeración dá un paso adiante e recolle a mellor herdanza do galeguismo e do nacionalismo e sabe adaptala ás esixencias da sociedade contemporánea, consolidando un novo referente político con vontade de permanencia e co obxectivo de acadar a hexemonía no campo da esquerda, en primeiro lugar, e no conxunto da sociedade posteriormente.
A estas alturas da noite, os oficiais de garda xa albiscaron eses perigos, e decidiron que a orquestra tocase en cuberta con máis triunfalismo aínda: xa non lles resulta posible dar marcha atrás. Non só porque as caldeiras están a todo vapor e a manobra esixa dunha pericia que se antolla improbable; nin porque a tripulación puidese amotinarse, pois o ano e medio de borrado das pegadas na moqueta calmou considerablemente os ánimos; senón, sobre todo, porque están xogando a única carta que teñen: a mobilización constante como simulacro dunha acción política opositora e, simultaneamente, como mecanismo de reforzo do músculo sindical e social (non se perda de vista a convocatoria de eleccións sindicais en 2011) é o único recurso do que dispón unha UPG atenazada polos escándalos de Carrumeiro, SEAGA, o Consorcio e a nova rede empresarial tecida ao redor dos prohomes da UPG compostelá, asuntos que obrigaron o partido-guía a subscribir un pacto de non-agresión co PPdeG (reaccións ás crises do PPdeG pola implicación na trama Gürtel e pola vaga de incendios) e a blindarse mediaticamente (pacto con LVG, postura na fusión das caixas).
Lamentablemente, isto leva a que o BNG derrame unha oportunidade histórica: goberno da dereita reaccionaria en Galiza e perspectivas de que así sexa tamén en España, deriva dereitizante do PSOE e fractura coa súa base social, redefinición dos límites do Estado autonómico e crise económico-social propicia para mensaxes radicalmente transformadoras. E é que, ao invés de morder decididamente no espazo político cada vez máis precariamente ocupado polo PSdeG e de buscar a mobilización da esquerda tradicionalemte abstencionista, a UPG dirixe o BNG cara a un repregue sobre si mesmo, a sabendas de que iso conduce o BNG a unha substancial perda de peso político e pode levalo á irrelevancia. No pecado leva a súa penitencia, que non ha de tardar en ter que afrontar.
Con todo, non sería xusto analisar a realidade do BNG aludindo unicamente á UPG, pois, por máis que sexa a forza hexemónica, outros actores tamén teñen a súa cota parte de responsabilidade. E téñena fundamentalmente por omisión. +Galiza, por mostrarse incapaz de dotarse dun discurso e dun proxecto propios, por mudar de rumo no medio do camiño, por non crer nos seus propios slogans, por deixarse fracturar no proceso de primarias e por non entender o que se está xogando neste embate, que é a propia supervivencia do BNG como proxecto de referencia do nacionalismo político, e non un mero reparto do poder interno. O Encontro Irmandiño, pola súa parte, por entender o que está a ocorrer pero carecer da coraxe para actuar, unha coraxe que malgasta en proclamas altisonantes pero que non dá lugar a un proxecto político propio e nin sequera a decisións valentes no seo do BNG. Uns e outros son cómplices do proceso de dexeneración do BNG, e ambos deberán facer unha profunda autocrítica cando a situación chegue -probablemente en 2012- a límites insustentables: a saída fácil será botar todas as culpas no lombo da UPG, pero iso significaría a asunción da propia insignificancia; e diso a UPG, en minoría no Consello Nacional pero campando ao seu belpracer, non ten a culpa.
En definitiva, o BNG diríxese cara ás rochas, e semella que o rumo é irreversible: a UPG trazouno e nin pode nin quere corrixilo; +G asumiuno en parte por cegueira en parte por ineptitude en parte por comenencia; e o EI permanece inmóbil -en parte por comenencia en parte por ineptitude en parte por complexos-, contentándose co triste soño de herdar os despoxos do próximo naufraxio. Entrementres, o MGS, que disque tiña un proxecto autónomo, adícase a facer caixa por conta da debilidade conxuntural da UPG.
Á medida que o BNG segue prescindindo de tantos simpatizantes e ex militantes valiosos, ao tempo que se desfai de parte da actual militancia entre brindes de champaña, nesa mesma proporción o BNG tórnase cada vez máis prescindible para o país. Un país que responde ás mobilizacións realmente necesarias (agresións á lingua e aos dereitos socio-laborais), pero que non por iso vai se deitar nos brazos dun BNG feito á imaxe e semellanza do pior que a UPG ten para ofrecer. As eleccións municipais serán o derradeiro aviso, unha tenue luz antes de que o faro se perda de vista para sempre.
Chega o momento de despedirse, e relendo o texto sorprendémonos da contundencia que desprende. Pode até mesmo dar a impresión de que estamos tan certos do que dicimos que non contemplamos a posibilidade de errar. Nada máis lonxe da realidade: confesámonos completamente incapaces de adiviñar o futuro, que só conseguimos imaxinar a partir da análise do que temos diante dos ollos. Non reivindicamos, por tanto, ningún outro don que non sexa o da lucidez.
A aqueles que pensen que este texto é produto dunha estadía na illa dos comedores de loto ou dos feitizos de Circe, dirémoslles que nos encantaría que estivesen no certo, mais non é o caso. Aínda nin sabemos en que porto recalou a nosa humilde dorna, pero, polo que puidemos explorar, por aquí non hai magas nin castelos, non se oen cantos de sereas nin se escoitan os berros das vítimas dos antropófagos. E a temperatura, por certo, semella ser amena.
Estamos por afirmar que non chegamos a Ítaca, pois este territorio non ten trazos de illa: ou moito nos equivocamos, ou estamos a punto de botar o pé en terra firme.
Epílogo
Hai xa algún tempo, un home sabio dixo que ía sendo hora de deixar de explicar o mundo e dedicarse a transformalo. Hoxe, inspirados no seu exemplo e no de tantos e tantas que antes que nós loitaron polos ideais que facemos nosos, nós dicimos que xa pasou o momento de soñar coa ferramenta política que o país precisa e son chegados os tempos de construíla -e, xunto con ela, construír tantas outras ferramentas necesarias para podermos ter un futuro de noso.
Dito isto, permitídenos engadir que, sexa baixo o mesmo teito ou ben saíndo de edificios diferentes, podedes contar sempre connosco lado a lado cando se trate de defender os dereitos do noso pobo, a xustiza social e a loita contra calquera forma de opresión, prodúzase onde se produza. Hai máis dun camiño para chegar ao destino, e é bo que as xentes de esquerda os transitemos e os ocupemos, pois dese xeito aumentamos as posibilidades de alcanzalo.
Non podemos rematar sen agradecer profunda e sinceramente a vosa participación, a vosa atención, a vosa fidelidade e o aprezo que tantas veces nos mostrastes. Para nós esta viaxe que agora finda foi moi enriquecedora no político e no persoal, e desexamos que tamén para vós fora dalgún proveito. Por todo, recibide unha calorosa aperta. Grazas e até sempre!
* * * * *
Ao longo desta semana, recibimos a proposta dun grupo de persoas ligadas ao Espazo Socialista Galego para continuar co proxecto de Renovar o BNG. Por ser a única oferta que recibimos, por cumprir cos requisitos que esiximos para o traspaso e por garantir a continuidade dun espazo de debate e intercambio que se tornou importante para un bo número de persoas, con moito agrado aceptamos. Por tanto, anunciamos que mañán mesmo procederemos a facilitarlle a esas persoas as chaves de acceso á web www.renovarobng.org, que será o enderezo desa nova etapa do blog. As persoas responsables pola continuidade do proxecto son, polo de agora e a expensas de que se incorpore algunha máis, Ínhigo Ansotegi e Estevo Sánchez.
Onte, unha persoa do EI da Coruña interesouse pola situación do blog e, aínda que non garantiu en firme que as persoas que representa se comprometesen coa súa continuidade, en caso de que así o manifesten en breve prazo, porémolas en contacto co grupo antes citado. E con isto remata a nosa responsabilidade. Boa sorte aos novos xestores, e que os deuses dos mares e dos ventos nos sexan a todos propicios.
* * * * *
Este blog acabouse de imprimir nos obradoiros gráficos de Blogaliza.org,
a quen agradecemos pola afable e xenerosa acollida,
na Noite de Defuntos de 2010.
Brasil: o PT confirma a súa vitoria
1 de Novembro de 2010Foto oficial de campaña de Dilma Roussef (PT)
Cando se leva escrutado o 90% dos votos, confírmase a vitoria da candidata do PT, Dilma Roussef, que se converte na primeira muller que asumirá a Presidencia da República. Ademais, os candidatos da coalición liderada polo PT impóñense en entre 5 e 6 dos nove Estados que escollen Gobernador(a) nesta 2ª volta, o que unido ás amplas maiorías parlamentares e de gobernos rexionais da 1ª volta configura un mapa de clara hexemonía política da esquerda.
* * * * *
Mañán, no blog Extramuros, análise dos resultados e das perspectivas políticas a medio prazo para o Brasil e para a América do Sul.
Arquivo dos «Novos camiños»
31 de Outubro de 2010Todo o material da xornada de debate Novos camiños para a esquerda galega está a ser publicado nun blog monográfico: convidámosvos a que o visitedes e debatades as propostas realizadas por un bo puñado das mellores mentes deste país. Xa están publicados os vídeos das mesas-redondas Identidade, cultura e comunicación e Política xeral; mañán publicaremos os de Territorio e sustentabilidade, e o próximo final de semana será o turno dos correspondentes a Política económica máis alá da crise e a Cidadanía e modelos de participación política. Ademais, no blog Novos camiños tedes acceso a todos os textos enviados polos relatores.
* * * * *
Filipe Diez tamén vos convida a que visitedes o seu blog persoal Extramuros, que será reactivado mañán mesmo coa segunda parte da análise sobre as eleccións brasileiras, cuxa segunda volta se celebra hoxe.
Posts esenciais
31 de Outubro de 2010A páxina Posts esenciais, que recolle o máis importante que foi tratado nos case vinte meses do blog (cumpriríanse o próximo 9 de novembro), foi actualizada pola derradeira vez.
* * * * *
A partir desta noite, coa publicación do editorial de despedida, non serán publicados novos posts. Porén, todo o arquivo do blog permanecerá disponible ao público lector e os comentarios que cheguen seguirán a ser publicados automaticamente.
«Polo galego nas redes sociais» lanza blog e campaña
31 de Outubro de 2010Polo galego nas redes sociais é un grupo que naceu en Facebook cun duplo obxectivo: impulsar a presenza do galego nas redes sociais internacionais e fomentar o uso das redes sociais galegas. Actualmente, 825 persoas forman parte do grupo, que hoxe lanza unha campaña en Twitter para tentar colocar o galego no topo do mundo dixital: animan a que, entre as 21h e as 22h, os usuarios galegos da rede social Twitter utilicen a hasthtag (etiqueta) #samaingalego para conseguir levala aos Trending Topics, que vén sendo «a cima do Everest virtual».
Podedes encontrar toda a información no blog do grupo e, desde logo, animamos todo o público lector a participar nesta e nas seguintes iniciativas para pór o galego no máis alto, e é obvio que hoxe as redes sociais son esenciais nese labor.
#samaingalego
Debate sobre o modelo político-económico
30 de Outubro de 2010Nos últimos tempos, resurxiu con forza o debate sobre o modelo económico que debe fundar a acción da esquerda política. Sen pretensión de exhaustividade, seleccionamos algunhas referencias que poden deitar luz sobre o asunto, e que compartimos con vós para propiciar a reflexión e o debate.
- Manifesto dos economistas aterrorizados, no cal se rebaten os falsos mitos que o neoliberalismo tenta inocular na opinión pública como verdades incontestables e se ofrecen alternativas -ao tempo reformistas e ousadas- para reconducir a economía.
- Economistas galegos fan un diagnóstico da situación da economía galega e dos elementos esenciais para propiciar un novo modelo de desenvolvemento. Planexamento de longo prazo, aposta pola educación e o I+D+i, e mais papel dinamizador do poder público son os eixos das propostas achegadas polos expertos, e que van na mesma liña do expresado polos economistas franceses cuxo documento se refere no punto anterior.
- Xosé Manuel Beiras defende unha acción política «radicalmente socialdemócrata e autonomista»: ou sexa, un programa político que defenda as conquistas do Estado de benestar fronte ás tentativas de desmonte promovidas pola dereita e que reivindique o uso do poder público galego para marcar o rumo da economía con criterios sociais e cunha certa autonomía fronte á marea reaccionaria do noso entorno. Marxismo de libro do que deberían aprender certos marxistas organizados: cando o ciclo político é desfavorable, non é hora de maximalismos retóricos, senón de defender as conquistas históricas da esquerda e desde elas dar a batalla de ideas.
- Óscar de Lis fai unha síntese moi parcial do debate, mais non carente de interese, na que se aliña cos que agoiran a inevitabilidade da morte da socialdemocracia como movemento político.
- Mentres tanto, ficamos sabendo que a extrema pobreza crece en Galiza e que as perspectivas demográficas seguen a ser pésimas.
SOS Sanidade Pública
30 de Outubro de 2010A plataforma SOS Sanidade Pública fai un chamamento a toda a sociedade para que se mobilice o próximo 21 de novembro en Compostela, en defensa do sistema público de saúde e contra os planos privatizadores de Feijoo.
Convocatoria oficial de constitución da MNG
30 de Outubro de 2010Clica sobre a imaxe para ampliala
A Mocidade Nacionalista Galega fixo pública nos últimos días a convocatoria oficial da que será a súa Asemblea Constituínte, ademais de abrir a súa web. No novo colectivo xuvenil confluirán a MSG (que deste xeito se disolve), os mozos e mozas de +Galiza e a nova militancia que nas últimas semanas se adheriu ao proxecto.
As persoas que desexen asistir como observadoras, poden facelo cubrindo este formulario.
Contra a pena de morte
30 de Outubro de 2010Vale a pena apoiar esta campaña de Amnistía Internacional contra a aplicación da pena de morte a Troy Davis, un preso estadounidense que leva 19 anos no corredor da morte, acusado de matar un policía. Este é un deses casos en que o absurdo da pena de morte chega ao seu punto máximo: falta de acceso a un bo avogado, xulgamento de dubidosa imparcialidade e recursos en que os tribunais -ignorando as dúbidas sobre os testemuños que o condenaron- esixen que o reo demonstre a súa inocencia.
No seguinte vídeo, podedes ver un bo resumo da cuestión.
Foro Mundial da Educación
30 de Outubro de 2010Nestes días, está a celebrarse o Foro Mundial da Educación en Palestina. Podedes seguir toda a información a través do portal brasileiro Ciranda e tamén mediante as crónicas de Manoel Santos en Altermundo.
Lembrade que en decembro o Foro Mundial da Educación chega a Compostela, cidade que acollerá tamén outros eventos de primeirísimo nivel do Foro Social Mundial e das Nacións Unidas.
A memoria da lingua
30 de Outubro de 2010Eis unha selección de noticias e materiais sobre a lingua.
Día da ciencia en galego
O xoves, 4 de novembro, celébrase o Día da Ciencia en Galego. Ademais das múltiplas actividades que se realizan nos centros de ensino do país, a CENDL convida a unha videoconferencia na cal os científicos galegos co CERN entrarán en contacto co público.
Contraataque
Xa que diversos membros da RAE defenden a castelanización dos topónimos galegos, nós pensamos en lanzar un concurso para descastelanizar os topónimos españois. Enviade as vosas suxerencias nos comentarios. P.ex.: Castela-A Nódoa… 1, 2, 3… responda outra vez.
Documental «A memoria da lingua»
Documental sobre Friol (TVE, 1979)
Queremos Galego presenta 30.000 asinaturas a prol dos dereitos lingüísticos
Pásalle factura ao Papa
30 de Outubro de 2010A pesar do boicot da rede social Facebook ás protestas contra a visita do Papa, a rede segue xerando iniciativas cidadás para denunciar o despilfarro que supón e a violación dos principios dun Estado presuntamente laico ao financiar os custos da viaxe. Animámosvos a que participedes na campaña Pásalle factura ao Papa, consistente nun envío masivo de cartas nas que se fai constar o importe dos gastos derivados da visita e a desconformidade dos asinantes.
Por certo, non deixa de ser interesante a diferenza no uso lingüístico do Papa en Barcelona -onde o catalán terá status de lingua principal na súa intervención- e en Santiago de Compostela, que só escoitará unhas fraseciñas en galego, debido á decisión da Xunta e do Arcebispado de Compostela, responsables polas xestións diplomáticas co Vaticano.
Menú degustación de despedida
29 de Outubro de 2010O sábado, daremos saída aos últimos asuntos pendentes que xa temos axendados desde hai algún tempo.
O domingo, publicaremos un editorial a xeito de balanzo final.
Tamén o domingo, esperamos poder anunciar a continuidade do proxecto «Renovar o BNG» cun novo equipo de persoas, nun novo enderezo e, seguramente, con novos criterios.
* * * * *
P.S. Grazas á colaboración de Pedro Silva, un dos nomes que fan posible esta magnífica idea que é Blogaliza, xa foi resolvido o problema que desde hai algunhas semanas impedía o funcionamento da semente RSS, ben como o acceso ás diferentes páxinas, categorías e etiquetas do blog. Con iso, «Renovar o BNG 1.0″ está xa totalmente pronto para facer un belo cadáver.
Concurso aberto: pon o adxectivo que corresponda
29 de Outubro de 2010Unha organización política calquera. Nela, hai un responsable da comarca da Emigración. Hai, tamén, un Portavoz Nacional.
O responsable comarcal chama insistentemente -non unha insistencia momentánea, senón prolongada ao longo dos días- por teléfono. Do outro lado da liña, o Portavoz Nacional non responde as chamadas.
Finalmente, o responsable comarcal consegue facerlle chegar o seu recado ao Portavoz Nacional, a través de varias terceiras persoas. Quere encontrarse con el, aproveitando a súa estada en Galiza, para poñer en común a acción política da peculiar comarca que coordina coa do BNG a nivel xeral.
O Portavoz Nacional responde que ten unha axenda moi ocupada e que non sabe se poderá facer un oco. Non fai o oco. O encontro non se produce. Un elo máis nunha longa cadea de desprezos.
Fin da historia.











